Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A Xunta concede o selo Galicia Calidade a Finca Míllara, que certifica a súa aposta pola innovación
15/10/2021.

A Xunta concede o selo Galicia Calidade a Finca Míllara, que certifica a súa aposta pola innovación

A adega, situada na Ribeira Sacra, súmase a Galicia Calidade e amplía o número de empresas do sector vitivinícola certificadas con esta marca de garantía. Conta con 21 hectáreas de cepas propias e unha produción de 70.000 botellas.

A Xunta de Galicia, a través de Galicia Calidade, entregou hoxe o diploma de certificación do selo Galicia Calidade á adega Finca Míllara, que pon en valor o esforzo pola elaboración de viños de calidade. 

No acto de entrega do certificado —ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias—, Manuel Heredia, presidente de Galicia Calidade e director xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, salientou a aposta de Finca Míllara polos "viños de calidade, mediante a produción sustentable", sen herbicidas e vendima manual para obter o mellor dunhas viñas situadas en ladeiras cunha pendente do 50%.

Coa incorporación de Finca Míllara, situada en Pantón (Lugo), no corazón da Ribeira Sacra, suma 18 adegas certificadas co selo de garantía Galicia Calidade, ás que hai que engadir outras 120 empresas de outros sectores como a alimentación, a hostalería, o lácteo ou a xoiaría, entre outros. En total, son máis de 400 produtos e servizos avalados con este certificado.

Finca Míllara é un proxecto empresarial que abrangue tamén a restauración, a produción de aceite de oliva ou as conservas. Naceu no ano 1999, cando os seus promotores decidiron recuperar as antigas plantacións e comprar viñas aos viticultores do contorno, creando dese xeito unha das maiores fincas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. 

Na actualidade conta con 21 hectáreas de cepas, situadas en ladeiras de lousa cun desnivel do ata o 50%. Producen 70.000 botellas utilizando sempre uvas de produción propia e plantando novas cepas para incrementar a súa capacidade.

Redes sociais

Multimedia