Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade acompaña a Oliver Laxe no seu retorno a Cannes, coa película Mimosas
12/05/2016.

Galicia Calidade acompaña a Oliver Laxe no seu retorno a Cannes, coa película Mimosas

Galicia Calidade colabora con Oliver Laxe e Zeitum Films na recepción que ofrecerá no Festival de Cannes para presentar a súa nova película Mimosas

Galicia Calidade acompaña ao director galego Oliver Laxe no seu retorno ao Festival de Cinema de Cannes (Francia), seis anos despois de que obtivese o premio Fipresci da Quincena de Realizadores por Todos vós sodes capitans, a súa ópera prima. Nesta ocasión presenta Mimosas, a súa segunda longametraxe, na Semana da Crítica, sección que ofrecerá un total de nove pases da película.

Galicia Calidade colabora coa organización da recepción que se celebrará o 16 de maio no 3.14 Hôtel, con motivo da estrea da película. No evento, os invitados poderán degustar viños de Altos de Torona e Regina Viarum e conservas de Luís Escurís Batalla.

A presente edición do Festival de Cannes, ademais de Zeitum Films, produtora de Mimosas, tamén contará coa presenza das empresas galegas Frida Films, Ladybug Films e Numax Distribución, que participan no Marché du Film do Festival de Cannes, a principal cita internacional para o sector cinematográfico. Este ano, o sector audiovisual galego tamén contará coa estrea da curta de animación Decorado, de Alberto Vázquez, na Quincena de Realizadores.

A presenza galega neste importante festival conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa de internacionalización e promoción do audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén desenvolvendo xunto ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en diferentes feiras internacionais de todo o mundo.

Misión empresarial

As catro empresas integrantes da delegación galega ao Marché du Film centrarán o seu traballo na cidade francesa no impulso ás vendas e na promoción exterior dos seus filmes, así como na procura de socios coproductores e de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para os seus produtos audiovisuais.

O Marché du Filme de Cannes supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución dos contidos que reúne. Anualmente congrega 20.000 profesionais, entre produtores, distribuidores de cinema, axentes de vendas e programadores de festivais. Desde España desprázanse a esta cita, que se prolongará ata o próximo 20 de maio, ao redor de 230 profesionais de 120 compañías.

Redes sociais

Multimedia