Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade certifica as coleccións da xoiería de Outes Fernando Galego
19/06/2017.

Galicia Calidade certifica as coleccións da xoiería de Outes Fernando Galego

A xoiaría pode empregar o certificado da marca de garantía para a Colección Antiques, e a Colección Apilables, composta por xoias exclusivas fabricadas en ouro de primeira e diamantes

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregaron hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á xoiaría Fernando Gallego, unha empresa que desde Serra de Outes (A Coruña) exporta talento e creatividade.  

Con este recoñecemento, a xoiaría Fernando Gallego, Xoieiro Artesán pode empregar o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade para a Colección Antiques, composta por deseños exclusivos con antigüidades xenuínas; e a Colección Apilables, composta por xoias exclusivas fabricadas en ouro de primeira e diamantes.

A directora xeral de Comercio e Consumo e presidenta de Galicia Calidade resaltou que Fernando Gallego é un exemplo da combinación de “talento e aposta polo comercio intelixente”, xa que é capaz de vender as súas xoias en todo o mundo a través da tenda on line. 

Sol Vázquez destacou que a Xunta está a pór en valor “a calidade e a profesionalidade da xoiaría galega”, apoiando iniciativas como a que representa Fernando Gallego, que xera un alto valor engadido para as súas coleccións con talento e creatividade artesanal. Pola súa banda, Alfonso Cabaleiro, destacou que o sector da xoiaría galega conta cun gran prestixio e o selo Galicia Calidade contribúe a promocionar as creacións dos mestres artesáns e ofrecerlle unha garantía de autenticidade aos seus produtos.

Xoiarías certificadas

Na actualidade, ademais de Fernando Gallego, contan coa certificación de Galicia Calidade as xoiarías Ardentia, Bourrellier Joyeros, Fink Orfebres, Orfega e Oscar Rodríguez Joyeros. En conxunto, máis de 90 empresas de sectores como a alimentación, turismo, viño ou o lácteo teñen o selo de garantía.

Fernando Gallego empezou a súa andadura no 2001 co obxectivo de deseñar e fabricar xoias únicas, exclusivas e personalizadas, que permitan fuxir da uniformidade e incorporar novas tendencias. Dende Outes, distribúen a súas creacións a todo o mundo.


Redes sociais

Multimedia