Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade estrea nova web, máis accesible e social
30/10/2015.

Galicia Calidade estrea nova web, máis accesible e social

Recolle información das empresas certificadas e permite o acceso as súas tendas online para contribuír á comercialización dos produtos. Tamén informa doutros selos de certificación de orixe de Galicia

Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estrea hoxe unha nova páxina web centrada na accesibilidade e a proxección das empresas e os produtos que forman parte do selo, así como na utilidade social. A nova web, que inclúe unha renovación total da interface de usuario, sendo máis clara e sinxela, ten como unha das súas principais novidades a Tenda, un espazo no que os usuarios poden consultar os produtos certificados e acceder directamente ás tendas online das respectivas empresas.

A páxina é accesible nos dominios ".gal" e ".es" (www.galiciacalidade.gal e www.galiciacalidade.es), e foi deseñada cos máis esixentes principios de accesibilidade e adaptada para todo tipo de dispositivos móbiles e fixos.

A nova web tamén facilita o acceso ás redes sociais de Galicia Calidade (Facebook, Twitter, Google+, Instagram e YouTube), que xa se converteron en canles estratéxicas para a difusión da actividade da marca de garantía e das empresas certificadas. Na actualidade, Galicia Calidade conta xa con máis de 10.000 seguidores en Twitter e case 9.000 Gústame en Facebook, cun crecemento do 35% no último ano.

O sitio recolle toda a información institucional sobre a empresa, os estatutos e os criterios de certificación, así como a posibilidade de solicitar online a certificación dunha empresa. Outro punto destacado e o acceso á información das empresas certificadas, que se poden buscar por sectores (alimentación, viños ou lácteos, entre outros), ofrecendo unha sinopse de cada unha delas, ademais dos datos de contacto e os produtos que teñen certificados con Galicia Calidade. A nova web tamén inclúe a información de todos os selos de certificacións de orixe que hai activos en Galicia, como denominacións de orixe ou indicacións de orixe protexida.

20 anos como marca de garantía

Galicia Calidade naceu hai 20 anos como marca de garantía para certificar a calidade dos produtos e servizos que pola súa elaboración en Galicia, a súa materia prima ou o seu deseño galego, sexan merecentes dela, despois de contrastada mediante os controis establecidos.

Na actualidade, Galicia Calidade conta con máis de 50 empresas adheridas ao selo con máis de 300 produtos certificados. En total, as empresas facturan máis de 2.100 millóns de euros e xeran máis de 4.000 empregos directos. No último exercicio firmou sendos acordos co Clúster do Turismo de Galicia e co Clúster do Granito, para certificar os produtos das empresas que integran ambas asociacións.

Redes sociais

Multimedia