Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade incorpora os viños de Adega Valdés ao selo de garantía
09/03/2015.

Galicia Calidade incorpora os viños de Adega Valdés ao selo de garantía

A marca de garantía certifica na actualizade os viños de doce adegas galegas, das cinco denominacións de orixe

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega en Vedra do certificado de uso desta marca de garantía á adega coruñesa Adegas Valdés. Con este recoñecemento, os viños desta empresa, certificados da D.O. Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta de Galicia.

Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con doce adegas certificadas, das cinco Denominacións de Orixe: Adega A Coroa,Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Nairoa, Bodegas Pazo Villarei, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viaurm e Vilarvín, ás que se suma agora Valdés.

Os asistentes realizaron unha visita ás instalacións da adega acompañados do propietario da mesma, Manuel Valdés. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños desta empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes así como noutras accións de promoción que estimen oportuno.

En concreto, Adega Valdés conta cos seguintes viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade: “Da viña Galega”, “Gundián”, “Inmortal”, “Mayor de Gundián”, “Señorío de Rozadela” e “Xiradella”. Uns caldos de alta calidade e con importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional.

Aposta pola calidade
Adega Valdés é reflexo da vocación e traballo da familia Valdés, propietaria desde hai máis de 30 anos de vinte hectáreas de viñedos a beiras do río Ulla. No ano 2001, coa ampliación da Denominación de Orixe Rías Baixas a esa zona, fúndase a actual adega, que xunta tradición familiar coas máis vangardistas técnicas de elaboración vitivinícola. Os seus viños responden a un traballo que aposta pola calidade e o bo facer na elaboración dos mesmos.

A Consellería de Economía e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector vitivinícola.

Redes sociais

Multimedia