Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Hoteis e restaurantes certificados por Galicia Calidade participan nunha xornada de formación do mundo do café
03/10/2016.

Hoteis e restaurantes certificados por Galicia Calidade participan nunha xornada de formación do mundo do café

O barista Óscar de Toro explicou aos asistentes as técnicas para a elaboración do café, tanto en máquina como en infusións, así como perfeccionar as súas técnicas na preparación de combinados de café

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través de Galicia Calidade, organizou unha xornada de formación para os establecementos turísticos certificados  polo selo de garantía. A xornada, impartida polo barista compostelán Óscar de Toro, achegou aos máis de 20 asistentes todo o relativo á elaboración de combinados con café, tanto en máquina como en infusións. 

Durante o curso, os asistentes coñeceron a historia deste produto tan importante na gastronomía mundial como é o café, a segunda materia prima en datos económicos do mundo. Os asistentes tamén tiveron unha parte práctica onde puideron experimentar e perfeccionar as súas técnicas na elaboración de expresos, cafés infusionados, como facer a crema do leite ou mesmo combinados de café con bebidas alcohólicas. A xornada contou coa colaboración de Feiraco, empresa láctea certificada por Galicia Calidade. Os seus produtos da gama Unicla foron os empregados para as elaboracións con leite. 

Entre os asistentes á xornada, atopábanse os hoteis e restaurantes certificados por Galicia Calidade, tras o convenio asinado entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Clúster de Turismo de Galicia

Estes establecementos non só ofrecen unha garantía de calidade nos servizos que prestan aos seus clientes, avalada co selo Galicia Calidade, senón que tamén contribúen a difundir os produtos agroalimentarios que se producen en Galicia, xa que contan con diferentes selos de garantía, como son os viños, os licores, as carnes, os ovos, as conservas, etc.

Neste sentido, os requisitos básicos para obter o selo Galicia Calidade figura a necesidade de dispoñer dunha oferta gastronómica cunha proporción significativa de pratos galegos, con materias primas de orixe galega certificado (denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, etc.), sobre todo, no caso dos viños e licores tradicional galegos, como o augardente, licor café ou licor de herbas.

Redes sociais

Multimedia