Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A Unidade Mixta de Escurís, Rianxeira e Anfaco é un "puntal innovador para manter o liderado mundial do sector conserveiro galego', segundo Conde
22/02/2016.

A Unidade Mixta de Escurís, Rianxeira e Anfaco é un "puntal innovador para manter o liderado mundial do sector conserveiro galego', segundo Conde

Conde sinala que a Unidade Mixta impulsada pola Xunta, xunto a Anfaco e Jealsa-Rinaxeira, empresa co selo de Galicia Calidade, contribúe a innovar cara á fábrica intelixente e modernizar a produción acuícola do mexillón

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que a Unidade Mixta de Investigación que une os esforzos da Xunta con Escurís, Rianxeira e Anfaco como "puntal innovador para manter o liderado mundial do sector conserveiro galego". 

Xunto a Jesús Alonso, presidente de Jealsa-Rianxeira (empresa que conta co selo de Galicia Calidade) e a Juan Manuel Vieites, secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Conde presentou o proxecto, que mobiliza un investimento de 2 millóns de euros para innovar cara á fábrica intelixente e para modernizar a produción acuícola do mexillón de batea.

"Se queremos manter ese número uno do mundo, temos que asumir riscos e saber que só mediante unha verdadeira e constante revolución tecnolóxica seremos capaces de manter o posto", defendeu Conde. 

Neste sentido, a iniciativa avanzará en varias áreas: no campo da fábrica intelixente, a Unidade Mixta traballará en novas tecnoloxías de conservación e envasado; novas ferramentas de control da seguridade alimentaria; innovación no control da calidade; novos métodos para incrementar a sustentabilidade ambiental; e novas ferramentas para a autenticación, trazabilidad, detección de fraudes e adulteración. 

No segundo obxectivo, a modernización da produción acuícola do mexillón de batea. Búscase a obtención de exemplares de maior tamaño e saber máis sobre as biotoxinas mariñas, coa colaboración da Universidade de Vigo.

Conde destacou que na Unidade traballan 22 persoas, das que 8 son novos contratados de alta cualificación, sumando no impacto que as Unidades Mixtas están a ter no emprego: os 19 proxectos teñen suposto a creación de 270 empregos. 

70 millóns

En total, sinalou Conde, a iniciativa da Xunta permitiu xerar investimentos innovadores por 70 millóns de euros, desenvolvendo as capacidades dos centros tecnolóxicos galegos e impulsando a competitividade sectores estratéxicos como a enerxía, a saúde, a automoción, o TIC, o naval ou a alimentación.

Conde puxo ao proxecto presentado hoxe como exemplo da competitividade punteira da conserva galega fronte aos seus competidores globais, cunhas exportacións que creceron en 2015 un 5,7%, ata os 520,4 millóns de euros. 

"Se nos compran os nosos produtos é porque son competitivos, e se son competitivos é porque innovamos. Esa é a nosa razón de ser, e por iso ferramentas como esta Unidade Mixta alíñanse perfectamente coa mesma alma do sector conserveiro galego", defendeu Conde.


Redes sociais

Multimedia