Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A Xunta destaca que as marcas de garantía son esenciais para impulsar a competitividade
02/05/2016.

A Xunta destaca que as marcas de garantía son esenciais para impulsar a competitividade

A Xunta destaca que as marcas de garantía actúan como vehículos de promoción das empresas e de defensa dos consumidores

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia xurídica e económica das marcas de garantía, ao funcionar estas como vehículos de promoción das empresas, o mercado e a defensa dos intereses dos consumidores. 

Na inauguración da xornada sobre Marcas de garantía e denominacións de orixe, que se celebrou en Santiago de Compostela, incidiu na importancia desta xornada, xa que "na actualidade necesítase máis que nunca a posta en marcha de estratexias que axuden ao avance da economía e á creación de emprego". 

No acto inaugural, no que tamén participaron o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, e o catedrático de Dereito mercantil e director da xornada, Carlos Lema Devesa, a directora da EGAP que as marcas de garantía e as denominacións de orixe son "mecanismos esenciais que contribúen a impulsar a competitividade das empresas" nun mercado esixente, transmitindo confianza e seguridade aos consumidores.

Exemplo de Galicia Calidade

Por outra banda, Alfonso Cabaleiro puxo de manifesto a repercusión e a forza da marca Galicia Calidade, 20 anos despois da súa creación. Esta marca de garantía distingue aos produtos ou servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou polo seu proceso de produción merecen esta distinción unha vez contrastada a súa calidade mediante auditorías de control. 

Segundo o xerente, este selo, presente na actualidade en máis de 400 produtos e 79 empresas, ten como reto na actualidade conseguir que cada vez máis os consumidores atopen a relación entre marca e calidade. 

Durante o descanso ofreceuse un café con produtos Galicia Calidade, realizado polo barista Óscar de Toro. Nel os congresistas degustaron produtos certificados pola marca de garantía entre os que se atopan os produtos de Feiraco, como o leite Unicla.

Redes sociais

Multimedia