Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O sector das plantas ornamentais de Galicia poderá certificar os seus produtos co selo Galicia Calidade
23/08/2016.

O sector das plantas ornamentais de Galicia poderá certificar os seus produtos co selo Galicia Calidade

Francisco Conde destaca que este acordo permite ao sector incrementar a súa competitividade e reforzar a súa presenza nos mercados nacional e internacional


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou hoxe o convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios Viveiristas do Noroeste (Asvinor) que permitirá implantar o selo Galicia Calidade entre as compañías que operan neste sector.

O acordo ten como obxectivo impulsar a competitividade das empresas, á vez que supón para os consumidores un certificado que garante a calidade do produto que adquiren. No acto, celebrado na Fundación Juana de Veiga (Oleiros, A Coruña), tamén estivo presente a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Conde destacou a implicación neste proxecto de Asvinor, que conta con 30 asociados e representan o 80% da produción de planta en Galicia, incidindo na importancia da colaboración público-privado para levar a cabo iniciativas que supoñen para o sector dar un salto cualitativo. 

Así, cada empresa que se dedique na comunidade galega á produción de plantas ornamentais terá a oportunidade de solicitar a súa adhesión a Galicia Calidade.

Por este motivo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria animou ás empresas á sumarse a Galicia Calidade, a marca que certifica o saber facer dos produtores galegos e que na actualidade conta con 83 empresas cunha facturación global que representa o 4.5% do PIB galego e que dan emprego directo a 5.000 persoas. 

Presencia mercados exteriores

Conde subliñou que a obtención do certificado por parte dos viveiros de planta ornamental contribuirá a reforzar a súa presenza no mercado nacional e internacional, á vez que creará emprego estable e de calidade. O conselleiro agradeceu á Fundación Juana de Veiga o traballo realizado con Asvinor para impulsar a actividade no sector da planta ornamental.

En concreto, lembrou que esta Fundación redactou a guía que recolle a Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, o que permite dispoñer dun catálogo de producións e homoxeneizar a planta producida nos viveiros galegos, converténdose na primeira comunidade autónoma española en contar con esta marca de orixe específica para o sector.

Os viveiros de planta ornamental están a converterse nun sector estratéxico e en crecemento en Galicia, achegando 1.500 empregos directos, dos que o 90% son para mulleres do rural, cunha facturación de 38 millóns de euros no último ano. O 20% da facturación corresponde a exportacións, o que converte a Galicia na quinta comunidade que máis exporta, cun incremento en 2015 do 20% con respecto a 2014. Ademais, Galicia é a maior produtora de camelia en Europa.


Redes sociais

Multimedia