Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Os ovos campeiros de Granja Campomayor contan xa co selo de garantía Galicia Calidade
15/12/2015.

Os ovos campeiros de Granja Campomayor contan xa co selo de garantía Galicia Calidade

Granja Campomayor conta xa co selo de garantía Galicia Calidade para os ovos camperos que produce nas instalacións de Palas de Rei (Lugo), onde se producen máis de 14 millóns de ducias ao ano

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, entregou o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Granxa Campomayor para os ovos campeiros que producen nas instalacións que a empresa ten en Palas de Rei (Lugo).

Nun acto no que estivo acompañada  polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, Sol Vázquez explicou que, coa incorporación desta nova compañía, o selo de garantía conta na actualidade con ovos certificados de catro empresas galegas como Coren, Pazo de Vilane, Avícola Tratante e, agora, Granja Campomayor.

Con este recoñecemento, os ovos campeiros desta compañía poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. O certificado de uso, con validez para o próximos tres anos, permitirá á empresa lucense incluír o distintivo ademais de nas etiquetaxes, nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno. 

14 millóns de ducias ao ano

Granja Campomayor é unha empresa afincada en Palas de Rei, dedicada á produción e comercialización de ovos para consumo e os seus derivados. Naceu en 1940 nunha antiga casa de labranza con 300 galiñas, e hoxe é unha das produtoras de ovos máis importantes de España. 

En 2012 iniciou a produción de ovo campeiro coa integración de 5 naves que aloxan 120.000 galiñas campeiras. Na granxa tamén colabora con granxeiros para a produción de ovo ecolóxico e ovos de paspallás. Cada día saen das instalacións de Campomayor ao redor de 600.000 ovos, que superan os 14 millóns de ducias ao ano.  Ademais, a empresa acaba de poñer en marcha unha planta de pasteurización de ovo, que lle permite producir 100.000 quilos ao mes deste produto. 

Granja Campomayor é recoñecida pola súa alta calidade no produto, froito dunha filosofía de traballo desenvolvida desde fai máis de setenta anos: esforzo, calidade e coidar o benestar dos animais e a súa alimentación. Na actualidade, xa está a cuarta xeración á fronte da empresa. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 53 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario. 


Redes sociais

Multimedia