Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Os viños de Señorío de Rubiós xa contan co selo de garantía Galicia Calidade
23/11/2015.

Os viños de Señorío de Rubiós xa contan co selo de garantía Galicia Calidade

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, entregou o distintivo que autoriza o uso da marca Galicia Calidade á adega Señorío de Rubiós, da Denominación de Orixe Rías Baixas

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, entregou o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á adega Señorío de Rubiós, situada no municipio das Neves (Pontevedra), nun acto o que participaron tamén o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, 

Os viños desta compañía, certificados pola Denominación de Orixe Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con 12 adegas das cinco denominacións de orixe

Na actualidade, están certificadas por Galicia Calidade Adega Eidos, Adegas Tollodouro, Adegas Valdés, Vilarvín, e agora Señorío de Rubiós, na D.O. Rías Baixas; Quinta do Buble e Gargalo, de Monterrei; Adegas Nairoa, de Ribeiro; Adegas Ruchel e A Coroa, de Valdeorras; e Regina Viarum e Vía Romana, de Ribeira Sacra. O certificado de uso, con validez para o próximos tres anos, permitirá aos viños de Señorío de Rubiós incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

Aposta pola calidade
Señorío de Rubiós é unha adega da subzona do Condado do Tea que aposta desde a súa creación polos viños brancos e tintos da zona. A súa filosofía baséase en recuperar e manter a esencia dos viños de sempre, os que elaboraron os viticultores ao longo dos anos e que mellor expresan as características destas viñas.

Desde a súa constitución no ano 2003, a adega traballou para recuperar e potenciar os viños tradicionais da localidade, como o condado branco (coas variedades treixadura, albariño, loureiro, godello e torrontés), o sousón ou o pedral, que se elabora só nesta adega. Unha aposta que lle permitiu gañar numerosos premios en diferentes concurso nacionais e internacionais.

Señorío de Rubiós conta neste 2015 cunha produción que supera o medio millón de litros, entre os seus viños tintos, brancos e espumosos. Na actualidade a adega traballa na súa internacionalización, cunhas vendas que superan o 20% do total en países como Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Bélxica, México, Polonia, Australia ou Xapón.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 52 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.


Redes sociais

Multimedia