Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Recoñecemento a Feiraco pola súa contribución á RSE de Galicia
19/01/2016.

Recoñecemento a Feiraco pola súa contribución á RSE de Galicia

Feiraco foi galardoada co primeiro premio de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) de Galicia, concedido pola Xunta por desenvolver unha actividade social responsable. O xurado concedeu por unanimidade un total de 8 galardóns e 2 mencións nas tres categorías e as respectivas modalidades desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria

A cooperativa láctea Feiraco, que conta co certificado de Galicia Calidade, foi galardoada co primeiro premio de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) de Galicia, concedido pola Xunta por desenvolver unha actividade social responsable.

O xurado concedeu por unanimidade un total de 8 galardóns e 2 mencións nas tres categorías e as respectivas modalidades desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria. En concreto, inclúense tres categorías para galardoar á pequena, mediana e gran empresa e as modalidades de recoñecemento no campo social, ambiental e económico.

Na categoría de pequena empresa, no campo social, resultou galardoada Metal Ferrol; no campo ambiental, o premio é compartido para Encapsulantes de Valor Engadido e Xeradores Europeos; e a mención nesta categoría é para Porto Muíños. E no ámbito económico resultou premiada Ambical Proxectos. 

Con respecto á mediana empresa, no ámbito social, o recoñecemento é para Feiraco, e no campo económico para a Autoridade Portuaria da Coruña. Por último, na gran empresa resultou gañadora Gadisa, no campo social; e Conservas Calvo obtivo o galardón no ámbito ambiental e a mención no económico.

Xurado experto

O xurado estivo composto por representantes das organizacións empresariais e sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, persoas expertas en RSE, así como por membros da Xunta. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria celebrará a finais do mes de xaneiro o acto de entrega destes premios que pretenden ser un recoñecemento público a aquelas iniciativas e boas prácticas desenvolvidas polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos da RSE.

Do que se trata é de difundir publicamente o labor que realizan as empresas que adoptan principios e prácticas de Responsabilidade Social Empresarial. É unha maneira de difundir publicamente o esforzo que neste campo levan a cabo as empresas galegas nas comunidades onde desenvolven a súa actividade, e ao mesmo tempo sensibilizar aos empresarios  sobre a importancia de incorporar a RSE na súa xestión.

Mais información Xunta.es



Redes sociais

Multimedia