Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A CAMPAÑA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PARA PROMOVER O CONSUMO DE PRODUTOS GALEGOS COA MARCA GALICIA CALIDADE CHEGA A MONFORTE DE LEMOS
24/08/2012.

A CAMPAÑA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PARA PROMOVER O CONSUMO DE PRODUTOS GALEGOS COA MARCA GALICIA CALIDADE CHEGA A MONFORTE DE LEMOS

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, xunto coa delgada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitan a caravana que está a ofrecer información sobre as empresas asociadas a este selo de garantía

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, xunto coa delgada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron hoxe en Monforte de Lemos a sede móbil da campaña posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria que tense achegado ao Parque dos Condes co obxectivo de promover o consumo de produtos galegos coa marca Galicia Calidade.

Esta iniciativa permitirá achegar a calidade dos produtos galegos a 35.000 persoas, cunha sede móbil que percorrerá 35 localidades, ata o 29 de setembro. Segundo explicou a directora xeral de Comercio, ata agora a campaña ten permitido ofrecer a preto de 2.000 persoas información de primeira man sobre a marca Galicia Calidade, así como a súa aposta pola innovación e a internacionalización das empresas galegas e os produtos e servizos asociados.

A marca Galicia Calidade conta xa con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 44 empresas asociadas, que deste xeito adquiren un importante valor engadido, recoñecido como sinónimo de confianza, prestixio e calidade. De feito, os programas de auditorías e ensaios de Galicia Calidade garanten que os produtos e servizos amparados superaron os controis esixidos, para o que é preciso que conten coas materias primas de máis alta calidade, óptimas producións e excelentes servizos.

Deste xeito, a Consellería que dirixe Javier Guerra continúa a apoiar ao pequeno e mediano comercio e a facer visible a calidade dos produtos galegos como unha vantaxe competitiva. Neste sentido, a directora xeral de Comercio salientou o esforzo feito pola Consellería de Economía e Industria a prol do pequeno e mediano comercio de Monforte, que nesta lexislatura ten sido apoiado con preto de 500.000 euros, ao abeiro do Plan Ágora, Agora ReComercia 

Novidades da Campaña 
Por outra banda, Nava Castro sinalou que esta campaña conta con distintas iniciativas como obradoiros de cociña con produtos de Galicia Calidade, que se poden seguir tanto desde o interior do vehículo, equipado cunha cociña, como a través das pantallas habilitadas no exterior, para despois ofrecer unha degustación dos produtos cociñados entre o público e máis recetarios. Ademais, esta iniciativa tamén inclúe reparto de obsequios, folletos promocionais e sorteos, e un castelo inchable para os cativos, todo co obxectivo de dar a coñecer a marca Galicia Calidade.

Esta unidade móbil que percorre Galicia, dende o 20 de agosto, ten visitado xa os concellos de O Carballiño, Verín, Xinzo de Limia, Chantada e na Provincia de Lugo, ademais de a Monforte tamén achegarase a Sarria (27 de agosto), Vilalba (3 de setembro), Ribadeo (29 de agosto), Burela (31 de agosto), Foz (30 de agosto) e Viveiro (1 de setembro).

Redes sociais

Multimedia