Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA PRESENTA A CAMPAÑA 'COS OLLOS PECHADOS', COA QUE PROMOCIONARÁ A NOVA IMAXE DE GALICIA CALIDADE
30/10/2006.

A CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA PRESENTA A CAMPAÑA 'COS OLLOS PECHADOS', COA QUE PROMOCIONARÁ A NOVA IMAXE DE GALICIA CALIDADE

Esta acción promocional desenvolverase dende o 2 de novembro en todos os medios de comunicación galegos e nas cadeas de televisión estatais. A campaña baséase na sinxeleza e na evocación e asocia a orixe "galega" como elemento diferencial de calidade

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2006.- O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, e o director xerente de Galicia Calidade S.A., Ignacio Louzao, presentaron hoxe a nova campaña de promoción da marca de garantía Galicia Calidade. Baixo o título "Cos ollos pechados", a campaña promocionará a nova imaxe da marca co obxectivo final de acadar a súa máxima notoriedade e que os consumidores busquen e compren os produtos de Galicia Calidade.

Esta acción promocional que se desenvolverá dende o xoves 2 de novembro e ata o vindeiro día 25, desenvolverase en todos os medios de comunicación galegos e implica ademais a emisión de 80 pases dun spot de 30 segundos nas cadeas de televisión con emisión en Galiza e no Estado. O custe desta actuación ascende a 800.000 euros. Así o total da accións de promoción suma 1,1 millón de euros neste 2006.

A campaña –baseada na sinxeleza e na evocación– refresca a imaxe de Galicia Calidade no mercado, transmitindo contemporaneidade e asociando a orixe "Galega" como elemento diferencial de calidade. A proposta creativa basease nos dous conceptos principais do selo de garantía, a confianza e o pracer, polo que a comunicación transmite as sensacións da marca: a confianza nunha decisión atinada e o pracer de gozar dos produtos e servizos de maior calidade.

Deste xeito, Galicia Calidade da un novo paso no desenvolvemento do seu plano estratéxico que está a levar a cabo baixo parámetros de eficiencia e eficacia, especialmente nas relacións coas empresas asociadas e cos consumidores. Nesta liña, a Consellaría de Innovación e Industria está a articular sinerxias e mecanismos de cooperación con outras institucións e marcas galegas, buscando que as empresas e os consumidores acaden os maiores beneficios posibles.

Redes sociais

Multimedia