Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA ENTREGA OS PREMIOS AOS MELLORES PRACEIROS DE GALICIA
06/03/2012.

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA ENTREGA OS PREMIOS AOS MELLORES PRACEIROS DE GALICIA

Galicia Calidade patrocina esta iniciativa que pretende por en valor a calidade dos produtos agroalimentarios así como a garantía e a confianza ofrecida ao consumidor por este colectivo

A Consellería de Economía e Industria entregou onte nun acto celebrado en Vilagarcía de Arousa os premios aos mellores praceiros e ás mellores praceiras dos Mercados de Abastos de Galicia. Ademais, tamén galardoaron á mellor praceira de todo Galicia no ano 2011. Galicia Calidade patrocinou este evento que pretende por en valor un dos oficios máis antigos da actualidade e que se atopa moi vencellado á calidade do produto así como ao bo trato hacia ao consumidor, caracterizado pola confianza e a garantía.

Durante a entrega dos premios Este inverno presume de praceiro, Feijóo felicitou aos 97 praceiros galardoados e ás 4.100 persoas que traballan nos mercados e nas prazas de abasto galegas “pola confianza que transmitides aos consumidores, a calidade que poñedes todos os días enriba dos vosos mostradores e a proximidade ao cliente”.

O responsable do Goberno galego salientou, deste xeito, o compromiso dos praceiros cos consumidores e cos produtos galegos. “Baseades o voso éxito na confianza dos vosos clientes; na calidade e na excelencia do que vendedes, dos vosos peixes, das vosas froitas, dos vosos produtos elaborados. Sodes os primeiros en defender o noso. Vendedes –subliñou-, a marca Galicia todos os días”.

Feijóo afirmou que esta campaña Presume de praceiro, que cumpre a súa segunda edición, é para o Goberno galego sinónimo de presumir de Galicia, presumir de esforzo, de determinación e de vocación empresarial; “é unha honra entregar esta distinción que fan os consumidores galegos, agradecer o labor deste colectivo e recoñecer esa confianza que día a día encontramos en quen nos atende”.

Ao longo da súa intervención, aseverou que o sector primario galego está en débeda cos autónomos e pequenos empresarios, “xa que sodes a columna vertebral do sistema económico”. “E tamén –engadiu- facedes vilas e cidades, porque vendedes nos núcleos, no corazón das prazas e nos lugares fundamentais desde o punto de vista da convivencia e do entramado urbano. Xa sexan vilas pequenas ou grandes, sodes fundamentais, tamén, para a constitución das cidades e dos pobos”.

Así mesmo, o titular da Xunta garantiu o compromiso do Goberno galego con este colectivo, a través da posta en marcha do Plan Ágora, cunha partida de máis de 2,5 millóns de euros para modernizar as instalacións de prazas e mercados.

Redes sociais

Multimedia