Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PATROCINA OS ACTOS DE CONMEMORACIÓN DA XVI SEMANA EUROPEA DA CALIDADE
10/11/2010.

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PATROCINA OS ACTOS DE CONMEMORACIÓN DA XVI SEMANA EUROPEA DA CALIDADE

Galicia Calidade realizará unha degustación de produtos nun acto no que participarán empresas dos sectores sanitario, educativo e alimentario

Con motivo do día mundial da Calidade, que terá lugar este xoves 11 de novembro, a Consellería de Economía e Industria estivo presente na Xornada de Exaltación da Calidade que se celebrará mañá no recinto feiral de Expourense. Esta actividade está enmarcada dentro da XVI Semana Europea da Calidade, que este ano se conmemora baixo o lema “A Calidade: un factor de éxito”.

Galicia Calidade realizará unha degustación dos produtos amparados aos asistentes ao evento no que tamén participarán empresas do sector sanitario, educativo e alimentario. En concreto, participarán no evento para compartir as súas experiencias en Calidade e Medioambiente o Hospital Costa de Burela, o IES Daviña Rei de Monforte de Lemos e o Grupo Garavilla-Conservas Isabel.

O obxectivo da Semana Europea da Calidade deste ano é consolidar a política europea de calidade, mediante unha campaña de sensibilización, promoción e demostración da importancia desta para elevar o nivel competitivo da economía europea e contribuír ao aumento da competitividade de Europa fronte ás economía de Asia ou Estados Unidos. Con esta actividade, Expourense súmase á serie de actos organizados a nivel estatal con motivo da XVI Semana Europea da Calidade e que coordina a Asociación Española para a Calidade, sendo o único acto celebrado en Galicia.

Para Galicia Calidade trátase dun acontecemento moi importante pois a calidade amósase como un dos obxectivos principais para a sociedade pública. Na actualidade, a marca de garantía conta con 36 empresas e 115 produtos amparados nos que o consumidor pode confiar. O selo autonómico amósase para os clientes, avalado pola Xunta de Galicia, como a confianza de estar a consumir un produto de primeira calidade e que presenta algún aspecto diferenciador que o fai mellor que a competencia.

Por iso, dende a Consellería de Economía e Industria anímase ás empresas galegas a apostar pola calidade como factor esencial e primordial nas súas produccións ou na prestación de servizos. De feito, é unha realidade que o empresariado galego é máis consciente cada día dos beneficios que poden aportar modelos de xestión, aplicados de forma converxente a todas as áreas das empresas, e que posibilitan a súa adecuación ás normas que rixen o mercado actual.

Redes sociais

Multimedia