Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A EMPRESA AMPARADA POR GALICIA CALIDADE, TORRE DE NÚÑEZ, INAUGURA UNHA NOVA PLANTA EN LUGO
04/10/2013.

A EMPRESA AMPARADA POR GALICIA CALIDADE, TORRE DE NÚÑEZ, INAUGURA UNHA NOVA PLANTA EN LUGO

Feijóo preside a inauguración do novo centro de curación e secado de xamóns de Torre de Núñez no Corgo, con capacidade para tratar 400.000 unidades ao ano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidou hoxe á industria agroalimentaria galega a seguir o itinerario da calidade, da innovación e da exportación xa que son, dixo, “tres factores claves e comúns a todas as compañías”.

“A aposta inequívoca pola calidade, procurar de forma constante ter o mellor produto; a aposta pola innovación, a astucia por incorporar a innovación e a investigación aos produtos de xeito que o fagan distintos ao resto dos produtos que se venden no mesmo sector. E ambos factores se complementan cun terceiro elemento, a internacionalización e exportación. Esta é a fórmula que deben de copiar as empresas para manter o éxito a pesar da crise: calidade, innovación e internacionalización”.

Durante a inauguración das novas instalacións de curación e secado de xamóns de Torre de Núñez no Corgo, con capacidade para albergar 400.000 unidades ao ano, o mandatario galego asegurou que o Goberno galego seguirá acompañando a todos os emprendedores e empresas que utilicen estas fórmulas. E neste sentido, destacou que a Consellería do Medio Rural e do Mar ten a disposición máis de 20 millóns de euros para que a industria agroalimentaria aposte pola transformación e pola comercialización dos produtos. “Destinamos case 150 millóns de euros para innovación produtiva das empresas e tamén apostamos pola exportación e por iso as empresas galegas que queiran abrir mercado contarán con axudas” grazas a un investimento de 20 millóns de euros, subliñou.

Así mesmo, o titular da Xunta asegurou que os datos demostran que o comercio exterior é hoxe unha das “táboas de salvación da economía española e galega”. Como proba diso, destacou que as vendas no exterior rexistraron no primeiro semestre do ano un crecemento do 19% respecto ao mesmo período de 2012, e que, neste tempo, a balanza comercial de Galicia deixou un saldo positivo de 1.800 millóns de euros.

“Estamos polo tanto, no bo camiño para superar a crise económica”, aseverou, logo de referirse á empresa Torre de Núñez como un exemplo de que cando se unen calidade e bo facer, cando capital humano, iniciativa e tecnoloxía camiñan parellos, é posible desafiar a crise e desafiar tamén fronteiras, engadiu. 

Redes sociais

Multimedia