Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A EMPRESA TERXY INCORPÓRASE Á MARCA DE GARANTÍA GALICIA CALIDADE
07/06/2012.

A EMPRESA TERXY INCORPÓRASE Á MARCA DE GARANTÍA GALICIA CALIDADE

A sociedade adicada a fabricar produtos de descanso recibiu hoxe o certificado de uso do selo autonómico

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, vén de amparar a empresa coruñesa Terxy, adicada á fabricación de produtos de descanso. O xerente da sociedade pública, Carlos Vila, fixo entrega hoxe do certificado de garantía ao xerente da empresa Terxy, José Antonio Seoane, na sede da mesma, na localidade coruñesa de Bergondo. Con esta incorporación Galicia Calidade conta na actualidade con 37 empresas asociadas e máis de 130 produtos amparados. Neste caso, Terxy convértese na primeira empresa do seu sector de Galicia que conta con este distintivo.

“Somos unha marca que aposta pola calidade de forma decidida desde o comezo, por iso é tan importante para nós seguir crecendo e da man de Galicia Calidade comprometémonos aínda máis coa nosa orixe, Galicia, sinalaba José Antonio Seoane, xerente de Terxy.

Pola súa banda, Carlos Vila explicaba que formar parte da gran familia de empresas que integran Galicia Calidade é algo que seguro axudará a Terxy como empresa na súa aposta por diferenciarse da man da calidade e a todos os seus produtos.

Aposta pola calidade

Terxy é unha marca que nace no ano 1983 co obxectivo de ofrecer unha nova liña empresarial no sector dos produtos dedicados ao descanso. É unha empresa de capital integramente galego que, desde os seus inicios apostou pola innovación e a excelencia en todo o seu proceso produtivo.

Os colchóns e almofadas certificados por Galicia Calidade teñen unha característica común: cumpren cos máis altos estándares de calidade e son unha aposta segura para o cliente que busque descansar en produtos saudables, ecolóxicos, 100% naturais e sobre todo, que coidan o noso soño día a día.

Pasamos máis dun terzo da nosa vida na cama, polo que desde Terxy, aconsellan que todas as persoas invistan no seu descanso, porque finalmente é primordial para a súa saúde, indicaba Seoane durante a entrega.

Redes sociais

Multimedia