Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A FUNDACIÓN CICLISMO GALEGO ORGANIZA A MARCHA CICLOTURISTA VOLTA A ESPAÑA - GALICIA CALIDADE EN COLABORACIÓN CON ESTA MARCA
02/08/2007.

A FUNDACIÓN CICLISMO GALEGO ORGANIZA A MARCHA CICLOTURISTA VOLTA A ESPAÑA - GALICIA CALIDADE EN COLABORACIÓN CON ESTA MARCA

Esta competición percorrerá a primeira etapa da Volta a España un día antes de que o fagan os profesionais. Poderán participar un máximo de 500 cicloturistas maiores de 16 anos.

Santiago, 02 de agosto de 2007. - O xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao, foi o encargado de presentar hoxe en Santiago a Marcha Ciclista Volta a España - Galicia Calidade; organizada pola Fundación Ciclismo Galego e patrocinada por Galicia Calidade, marca dependente da Consellaría de Innovación e Industria. A dita marcha celebrarase o 31 de agosto, día anterior ao comezo da Volta Ciclista a España, dentro dos actos organizados para o propio evento.

Esta marcha cicloturista, que pertence ao Circuíto de Marchas cicloturistas de gran fondo, cumprirá o soño de moitos afeccionados á bicicleta de poñerse, aínda que só sexa por un día, á altura dos profesionais do ciclismo; xa que lles permitirá percorrer a primeira etapa da Volta a España un día antes de que o fagan os profesionais e contando cunha infraestructura profesional.

Así mesmo, esta xornada contará co asesoramento de ilustres ex ciclistas coma Abraham Olano, Fernándo Escartín, Miguel Ángel Iglesias, Santi Blanco, Álvaro Pino, Blanco Villar ou José Ángel Vidal. Algúns deles tamén se animarán a realizar o percorrido en bicicleta. Cómpre salientar ademais que este evento vai dirixido fundamentalmente a cicloturistas de Galiza, resto do Estado e norte de Portugal, se ben xa foi confirmada a participación dun ciclista estadounidense.

A participación na marcha estará aberta a todos os cicloturistas maiores de 16 anos e estará limitada a un máximo de 500 participantes, seleccionados por orde de inscrición. Por outra banda, farase entrega a todos os participantes dun kit regalo cunha bolsa, un diploma acreditativo da participación, unha camiseta e unha invitación á gala de presentación dos equipos participantes na Volta, que se celebrará ese mesmo día pola tarde.

Así mesmo, entregaranse varias distincións ao club con máis participantes de España e de Portugal, ao club de máis lonxe de España e de Portugal, cun mínimo de 5 membros; á cicloturista muller de menor e maior idade e ao cicloturista de maior e menor idade.

A etapa que se realizará nesta marcha conta con 122,8 kilómetros e percorrerá diversas localidades da provincia de Pontevedra. Iniciarase en Vigo e pasará por Redondela, Arcade, Paredes, Pontevedra, Alto de Vilachán, Pontecaldelas, Soutomaior, Pazos de Borbén, Ponteareas, Porriño e Alto de San Cosme, para rematar novamente na cidade olívica, concretamente en Samil.

Redes sociais

Multimedia