Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A IT GIRL E POPULAR BLOGUEIRA VEGA ROYO-VILLANOVA APOIA A MODA E A XOIERÍA GALEGAS
30/11/2013.

A IT GIRL E POPULAR BLOGUEIRA VEGA ROYO-VILLANOVA APOIA A MODA E A XOIERÍA GALEGAS

Visita  aos xoieiros galegos avalados por Galicia Calidade

Vega Royo-Villanova, blogger e celebrity do mundo da moda, estará mañá sábado 30 de novembro en Galicia para apoiar ao deseño de moda e á xoiería realizados nesta comunidade. Vega Royo-Villanova é unha das it girls e bloggers con maior recoñecemento non só en España senón tamén a nivel internacional. Iniciouse no mundo da moda con tan só 20 anos, traballando para Christian Dior e, desde entón, a súa imaxe aparece regularmente nos medios de comunicación asociada a distintas marcas de moda como embaixadora de firmas de luxo e cosmética. O seu espazo na rede, DaisyVegaBlog, que creou no ano 2010, ten unha media de 300.000 visitas diarias e ten sido recoñecido como un dos máis influíntes de España.

Durante a súa visita a Galicia entrevistarase cos responsables das cinco xoierías galegas avaladas por Galicia Calidade para coñecer in situ como traballan os mestres xoieiros e cales son as súas propostas para esta temporada.  Unión Joyera de Bergondo e Ardentia, de Bergondo, Fink Orfebres, de Santiago de Compostela  e Óscar Rodríguez Joyeros e Piropo Joyas, de Viveiro mostrarán á fashion blogger as súas creacións, pero tamén o proceso de produción das súas pezas, nas que  prima a calidade e fidelidade á tradición artesanal de Galicia.

Unión Joyera de Bergondo presentará neste encontro dúas liñas moi diferentes de produtos: os deseños espectaculares da alta xoiería, con diamantes, esmeraldas, rubís ou zafiros e unha liña accesible a todos os públicos na que o deseño ten unha especial relevancia con pezas nas que se combinan variadas texturas de ouro con pedras de diferentes cores e seguen as tendencias actuais en deseño de xoias. Ardentia, pola súa banda, destaca, entre outras, a súa colección Enova, en prata e acibeche con pendentes, aneis, colgante e alfinete, pezas elaboradas artesanalmente con materiais de primeira calidade. Deseños contemporáneos en prata de lei e esmalte a fogo inspirados en elementos do entorno que aportan personalidade a cada unha das súas pezas. Fink Orfebres  deseñou para esta temporada coleccións centradas na investigación de formas, texturas e cores. Esta empresa compostelá, que se dedica ao deseño, fabricación e comercialización da xoiería de prata seguindo a tradición dos mestres ourives de Santiago,   traballa en deseños propios en prata e acibeche, esmaltes a fogo e pedras semi-preciosas con acabados diversos: mate, brillo, texturas e dourados. Óscar Rodríguez destaca nesta temporada outono-inverno 60 obras integradas nas coleccións Tesouros do Mar, xoias de cunchas con ouro, metais preciosos e diamantes e Tesouros da Terra, xoias de minerais, con ouro, metais preciosos e diamantes. Coa nova marca da empresa, Piropo Joyas, diríxese a un cliente que segue a moda e presentará neste encontro a súa colección Orgullo, pezas con unha estética elegante e moi feminina. Ademais das súas propostas en xoiería, as súas coleccións teñen tamén pezas de reloxería e complementos de pel.

Despunte 2013

Vega Royo-Villanova aproveitará a súa estancia en Galicia para acudir como convidada ao desfile da Escola de arte e superior de deseño Mestre Mateo, no que tamén colabora Galicia Calidade, que terá lugar mañá sábado 30 de novembro ás 20.00 h na Cidade da Cultura. Neste desfile os alumnos do último curso da escola presentarán os seus proxectos de fin de carreira. Ademais, durante a súa visita á Cidade da Cultura, Vega se entrevistará cos alumnos que participarán no desfile e aconsellaralles cómo acceder ao mundo da moda profesional.

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo presentará no desfile Despunte 2013 os traballos dos proxectos fin de carreira correspondentes á cuarta promoción dos Estudos Superiores de Deseño e Moda. Eva Bouzas, Irene Varela, Luisa Garrido, Olaia Yáñez, Óscar González, Paula Pájaro, Sandra Fuente e Vanessa Piñeiro darán a coñecer os seus deseños sobre esta pasarela. Paula Pájaro presentará a súa colección Burial, caracterizada pola estética gótica dunha película de Tim Burton na que o negro, os detalles metalizados e os materiais naturais son os grandes protagonistas. Óscar González Martínez desfilará coa proposta Proxecto: [21stCntry]B, unha colección masculina de prendas híbridas caracterizadas por superficies pulidas con elementos influenciados pola ciencia ficción. Olaia Yáñez presentará Soño de primavera, unha proposta onde a ornamentación con flores e toucados, a representación dunha silueta lánguida e unha paleta cromática sen estridencias fúndense para mostrar un conxunto sutil e sinxelo. Vanessa Piñeiro mostrará a colección Binomio que nace dunha historia onírica ao norte de Canadá para presentar prendas de punto onde destacan os estampados de cores que evocan cambio, liberdade e diversión e dous complementos fundamentais: os calcetíns e os colgantes de madeira. Sandra Fuente desfilará coa colección Xigantes no lume, unha homenaxe ao papel das mulleres na construción das diferentes civilizacións, unha obra teatral na que as personaxes da  colección aparecen grandiosas, torpes, inmóbiles e descoordinadas sobre escena, como Titánides de Tea (personaxes mitolóxicas que loitaron contra os deuses do Olimpo e foron desterrados). Luisa Garrido presentará a colección Genezo, inspirada no Xénesis, que mostra unha muller libre e independente en contraste coa imaxe que se transmite na lectura literal deste libro da Biblia. Irene Varela mostrará na pasarela Pearo, Pearo, unha revisión da indumentaria masculina inspirada no dandismo e ea xastrería italiana, mesturando unha estética clásica nas formas coas novas tendencias nas combinacións e utilizando tecidos naturais. Eva Bouzas porá en escena a súa colección Luces e sombras, inspirada no mundo de Francisco de Goya e nos temas taurinos. Mostra así nos seus deseños unha reinterpretación da moda española de finais do século XVIII e principios do XIX e, por outra banda, a ornamentación do tralle de luces e o traxe de toureiro goyesco.

Na posta en escena do desfile contarán coa colaboración tamén do IES Lamas de Abade cuxos estudantes de ciclo medio de Estética Persoal e decorativa, encargaranse de peitear e maquillar ás modelos participantes. Un xurado, formado por destacadas empresas do mundo da moda: Inés Taboada, de Caramelo, Susana Añón de Alba Conde, Iria Campos, de Inditex e Adriana Bregua de Pull&Bear elexirá a mellor colección entre as presentadas. Vega Royo-Villanova será a encargada de entregar o premio.

Con este evento, que conta coa colaboración de Galicia Calidade, Artesanía de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura, a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, quere mostrar publicamente os resultados do traballo que desenvolven cada día nas súas aulas. Desde a súa apertura en 1888, contribuíu a profesionalizar as actividades artísticas en Galicia abrindo á sociedade a posibilidade de aprender oficios e técnicas de gran importancia económica e cultural. Hoxe, 125 anos despois, o seu obxectivo como centro público dependente da Xunta de Galicia, é trasladar a cultura dos ensinos artísticos e do deseño ao conxunto da sociedade. Nas súas aulas impártense actualmente ciclos superiores de Artes aplicadas á Escultura, Fotografía artística, Xoiería artística e Arquitectura efémera e dúas titulacións superiores de deseño: Deseño de Moda e Deseño de Produto.

Redes sociais

Multimedia