Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO CONTA CON 18 ESTABLECEMENTOS EN FUNCIONAMENTO EN TODA GALIZA
29/01/2009.

A REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO CONTA CON 18 ESTABLECEMENTOS EN FUNCIONAMENTO EN TODA GALIZA

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou hoxe Casa Tito, último establecemento incorporado, no concello pontevedrés de Campo Lameiro

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou esta tarde o último establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, Casa Tito, situado no concello pontevedrés de Campo Lameiro. No acto de inauguración tamén estivo presente o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao. Con esta inauguración, a provincia de Pontevedra conta cun total de catro establecementos adheridos á Rede, situados nos concellos de Barro, Pontevedra, Pontecaldelas e o hoxe inaugurado de Campo Lameiro.

Casa Tito contou cunha aportación do departamento autonómico de 100.000 euros para a súa rehabilitación e adaptación aos criterios da Rede de Comercio Rural Galego. A inversión total para a remodelación foi de 173.000 euros. A actuación realizada foi a adecuación e rehabilitación dun establecemento que xa viña funcionando como tal dende 1975. Situado no medio do núcleo de Campo Lameiro, Casa Tito veu funcionando até a súa entrada na Rede como un establecemento que contaba cos servizos de bar, tenda e restauración.

Casa Tito atópase na segunda xeración familiar á fronte do negocio. Debido á corta idade do seu promotor, 28 anos, o futuro do establecemento está garantido. Ademais, hai que reseñar que con esta adecuación estase a manter varios postos de traballo no negocio. O feito de situarse próximo a Pontevedra implica que o establecemento preste servizo tamén aos turistas que se acheguen, sobre todo polo verán, ás costas pontevedresas.

A rehabilitación que se realizou no edificio pretendeu en todo momento conservar a súa beleza e tradición arquitectónica, apostando polos materiais de calidade. Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio, unha zona de bar e tamén un comedor para o servizo de restauración. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto.

Casa Tito é o único establecemento deste tipo en Campo Lameiro polo que a súa rehabilitación cubre tamén as necesidades da poboación máis próxima ao mesmo. Este establecemento reabre agora as súas portas para dar servizo ás veciñas e veciños, ofertando todos aqueles produtos de primeira necesidade, produtos ecolóxicos, de Artesanía de Galicia así como facilitando o acceso ás novas tecnoloxías. Ademais, continuará cos servizos que viña ofertando até o momento como o pedido telefónico ou o reparto a domicilio.

18 establecementos en funcionamento
O departamento autonómico investiu na Rede de Comercio Rural Galego un millón e medio de euros ao longo do ano 2008 . Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país, máis os recentemente inaugurados na Pobra do Brollón, A Pastoriza, As Nogais, Teo, Mesía, Pontecareira, Santiso, Ribeira, Mazaricos, Vimianzo, Arzúa Barro e Pontevedra, suma xa a día de hoxe dezaoito proxectos en funcionamento adheridos á Rede de Comercio Rural Galego.

A Rede, promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, conta cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que dispoñen dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos servizos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Redes sociais

Multimedia