Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO INCORPORA UN NOVO ESTABLECEMENTO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
15/01/2009.

A REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO INCORPORA UN NOVO ESTABLECEMENTO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou hoxe o último establecemento incorporado, Casa de Porto, no concello pontevedrés de Barro

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou esta mañá un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, Casa de Porto, situada no concello pontevedrés de Barro, na parroquia de Curro. No acto de inauguración tamén estiveron presentes a delegada da Consellería de Innovación e Industria en Lugo, Montserrat Prado, e o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao..

Coa posta en marcha de Casa de Porto, son xa dous os establecementos adheridos á Rede de Comercio Rural Galego na provincia de Pontevedra. A comezos do 2008, púxose en marcha o establecemento piloto no concello de Ponte Caldelas, Casa Xustáns.

En concreto, no establecemento inaugurado hoxe en Curro, a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, achegou un total de 100.000 euros da inversión total, que ascendía a 143.000 euros. No caso de Casa de Porto trátase da apertura dun novo establecemento trala rehabilitación integral dun alpendre destinado anteriormente a outros fins.

Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio e unha zona de bar, ademais da dotación de todo o equipamento necesario para o servizo de cociña. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto. Ademais, tamén se produciu unha actuación integral do seu aspecto exterior dotándoo dunha modernización sen rachar coa súa tradición.

Casa de Porto, que así se chama este establecemento, abre agora as súas portas para dar servizo a unha parroquia como a de Curro e facilitar así as condicións de vida ás súas veciñas e veciños, ofertando todos aqueles produtos de primeira necesidade, produtos ecolóxicos, de Artesanía de Galicia así como facilitando o acceso ás novas tecnoloxías.

18 establecementos nos vindeiros días
O departamento autonómico investiu na Rede de Comercio Rural Galego un millón e medio de euros ao longo do ano 2008 . Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país, máis os recentemente inaugurados na Pobra do Brollón,na Pastoriza e nas Nogais, os tres na provincia de Lugo, e o do concello coruñés de Teo, e que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Nos vindeiros días un total de nove tendas máis serán postas en marcha repartidas por todo o país. Deste xeito, a Rede de Comercio Rural Galego contará a finais deste mes cun total de 18 establecementos adheridos, dotando así a milleiros de galegas e galegos de máis e mellores servizos no rural galego.

Redes sociais

Multimedia