Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A XUNTA SALIENTA EN OURENSE A CALIDADE COMO BASE NA QUE ASENTAR A MELLORA DA COMPETITIVIDADE DAS EMPRESAS GALEGAS
14/11/2013.

A XUNTA SALIENTA EN OURENSE A CALIDADE COMO BASE NA QUE ASENTAR A MELLORA DA COMPETITIVIDADE DAS EMPRESAS GALEGAS

O director do Igape, Javier Aguilera, e o delegado territorial, Rogelio Martínez, participan na entrega dos premios Líderes en Calidade que promove a Fundación Expourense   

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe a calidade e a innovación incorporada a procesos e produtos como a base sólida na que deben asentarse a mellora da competitividade e os avances na internacionalización das empresas galegas, ao tempo que recoñeceu os logros acadados neste ámbito en Galicia durante os últimos anos.

Durante a súa intervención na entrega, en Expourense, dos premios “Líderes en Calidade”, na que tamén participou o delegado territorial, Rogelio Martínez, Aguilera salientou tamén que a Xunta prevé dar especial impulso no vindeiro ano á marca Galicia Calidade para acompañar ás empresas galegas, tanto nos seus procesos de internacionalización como na valorización en mercados nacionais, no que será unha decidida aposta pola imaxe de Galicia.

Javier Aguilera destacou igualmente que, a través do Igape, a Consellería de Economía e Industria manten unha clara aposta pola internacionalización, cunha partida de 20 millóns de euros para 2014, sinalando que a chegada a novos mercados case sempre é a consecuencia dun labor previo, de innovación continuada, de avances en calidade e de necesaria mellora da competitividade.

Pola súa banda, Rogelio Martínez salientou que as experiencias que compartiron as entidades galegas distinguidas este ano “animarán a outros empresarios a seguir modelos de xestión de calidade e ambiente, dinamizando o tecido empresarial galego”.

Os premios Líderes en Calidade, concedidos por terceiro ano consecutivo por resolución dun xurado integrado polo Comité Executivo de Expourense, a entidade de certificación AENOR e a consultora Serviguide, corresponderon á empresa Aceites Abril, no sector Agroalimentario; a Policlínico Lucense, no sector sociosanitario; á Escola de Negocios de Novacaixagalicia, no ámbito da Educación; a Leche Celta, no apartado de aposta polo medio ambiente e a sostibilidade; e a Conservas Isabel, como empresa destacada en internacionalización. Tamén houbo un recoñecemento profesional para Flavio Morgante, chef  e empresario de orixe italiana afincado en Ourense.

Coa promoción dos premios Líderes en Calidade, a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense impulsa a celebración da xornada de exaltación da calidade que se desenvolve, baixo o lema  “Made in Quality, Made in Galicia”, no marco da XIX Semana Europea da Calidade.

O obxectivo final é sensibilizar tanto ás empresas como a entidades públicas da necesidade de incorporar directrices e normas de calidade aos seus modelos de xestión, coa fin de ofrecer aos destinatarios produtos ou servizos eficientes.

Redes sociais

Multimedia