Inicio / NOVAS / Notas de prensa / ALFONSO CABALEIRO SERÁ O NOVO XERENTE DE GALICIA CALIDADE
25/03/2013.

ALFONSO CABALEIRO SERÁ O NOVO XERENTE DE GALICIA CALIDADE

O nomeamento completa a estrutura do organismo na procura de reforzar a imaxe de Galicia Calidade como marca de prestixio dos produtos galegos

Alfonso Cabaleiro Durán será nomeado o vindeiro luns 1 de abril xerente de Galicia Calidade, ocupando o cargo que viña desempeñando ata o de agora Carlos Vila, quen deixa o organismo por motivos persoais.

O novo xerente de Galicia Calidade é licenciado en Ciencias da Información pola Universidad de Navarra, e desempeñou nos últimos catro anos o cargo de secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia.

Cabaleiro Durán, natural de Chapela (Redondela), desenvolveu a súa carreira profesional en diferentes postos de responsabilidade no eido da imaxe e a comunicación. Así, ocupou a dirección de Informativos e da Radio Galega; foi director en Galicia de RTVE e da COPE; e subdirector de informativos da TVG entre outros. 

Este nomeamento completa a estrutura do organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de reforzar a imaxe de Galicia Calidade na súa procura de consolidar esta marca de prestixio dos produtos galegos. Deste xeito, aspírase a impulsar a promoción dos produtos que xa contan co selo de garantía así como incrementar a penetración da marca e a súa internacionalización.

Redes sociais

Multimedia