Inicio / NOVAS / Notas de prensa / AS ADEGAS VILARVÍN E RUCHEL PARTICIPAN NA FEIRA DO VIÑO FENAVÍN
07/06/2011.

AS ADEGAS VILARVÍN E RUCHEL PARTICIPAN NA FEIRA DO VIÑO FENAVÍN

As empresas vitivinícolas conta na actualidade con seus caldos amparados por Galicia Calidade

As adegas Vilarvín e Ruchel, que contan na actualidade cos seus viños amparados por Galicia Calidade, veñen de participar na Feira Internacional do Viño, Fenavín, que tivo luga en Ciudad Real a mediados do mes de maio. Este evento tense convertido nos últimos anos na mostra de referencia no sector vitivinícola, especializada, sobre todo, nos mercados internacionais posibilitando ás empresas participantes a comercialización dos seus produtos nos mercados exteriores. Esta vocación exportadora corrobórase no feito de que nesta edición se produciron durante a feira 140.000 encontros profesionais entre importadores e exportadores.

Galicia Calidade apoia a participación de Vilarvín, adega da Denominación de Orixe Rías Baixas, e de Ruchel, da D.O. Valdeorras, nesta feira como unha forma máis de promoción dos produtos amparados ao selo de garantía como da propia marca autonómica. No evento, as adegas citadas puideron establecer contactos con máis de 50 importadores internacionais e poder colocar así o seu produto nos mercados exteriores. A este respecto hai que lembrar que estas dúas adegas, xunto coa conserveira Luís Escurís Batalla, veñen de asinar un contrato de colaboración cunha empresa brasileña para a exportación dos seus produtos ao país sudamericano.

Bodegas Ruchel conta con dous viños amparados pola marca Galicia Calidade, variedades godello e mencía, ambos os dous comercializados coa marca “Ruchel”, e amparados pola D.O. Valdeorras. Pola súa banda, Vilarvín conta cun viño albariño, comercializado coa marca “Valtea” e amparado pola D.O. Rías Baixas.

Con este apoio decidido por parte da Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, o departamento autonómico pretende facilitar a distribución e comercialización dos produtos amparados ao selo de garantía, posibilitando a súa presenza nos mercados máis proclives para as empresas e aportándolles o apoio da Xunta de Galicia.

Redes sociais

Multimedia