Inicio / NOVAS / Notas de prensa / AS QUEIXERÍAS CAS LEIRAS E CASTILLO DE PAMBRE CONSEGUEN SENDOS PREMIOS NA CATA DE QUEIXOS E MELES DE GALICIA
02/12/2011.

AS QUEIXERÍAS CAS LEIRAS E CASTILLO DE PAMBRE CONSEGUEN SENDOS PREMIOS NA CATA DE QUEIXOS E MELES DE GALICIA

A localidade coruñesa de Melide acolleu onte a entrega de premios na que reicibiron o galardón as dúas empresas amparadas en un acto presidido por el presidente do Executivo Galego, Alberto Núñez Feijóo

As queixerías amparadas por Galicia Calidade, Cas Leiras e Castillo de Pambre, foron premiadas onte na Cata de Queixos e Meles de Galicia. Queixerías Cas Leiras recibiu o 6º premio na categoría D.O.P. San Simón da Costa e Quesería Castillo de Pambre foi galardonada co 6º posto na categoría D.O.P. Queso de Tetilla. O acto, que se celebrou na vila coruñesa de Melide, foi presidido polo máximo responsable do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez.

Medio Rural organiza este certame (en colaboración cos diferentes consellos reguladores dos queixos e do mel de Galicia), polo que Samuel Juárez foi o encargado de abrir a gala e dar a benvida aos asistentes, entre os que figuraba unha ampla representación de produtores, industria e distribuidores. Na súa intervención, Juárez valorou a importancia dos queixos e do mel como “dinamizadores das pequenas explotacións que caracterizan o noso sector agroalimentario”, engadindo que en ambos casos “cobra especial relevancia a estreita vinculación entre produto e territorio”, xa que –dixo– “non se pode entender o aroma, o sabor, a textura ou a cor dos nosos queixos e do noso mel sen ter en conta que tales características, tan especiais, só se dan en Galicia”.

Peso económico en aumento
O titular de Medio Rural destacou ademais que ese peso económico dos queixos e o do mel con selo de calidade “medra ano a ano”. Así, en relación coa produción de queixos galegos amparados por unha denominación de orixe, advertiu que na última década o seu crecemento superou o 56%, pasándose de producir algo menos de 4.000 toneladas no ano 2000 a case 6.000 no 2010.

Juárez valorou tamén que este incremento deuse “en todas e cada unha das denominacións, sendo a evolución máis modesta en San Simón da Costa e O Cebreiro e máis marcada nos casos de Arzúa-Ulloa e Queixo Tetilla”. En relación con estas dúas últimas engadiu que se consolidaron xa como unha “verdadeira referencia mesmo no ámbito español”, xa que ocupan –no que se refire a voume de produto amparado– o segundo e terceiro posto, respectivamente, no ranking nacional de queixos con denominación de orixe, só superados polo gran peso que acada a D.O. Manchego”.

Aínda hai espazo para crecer
O conselleiro puntualizou, sen embargo, que “esta positiva evolución non nos debe levar a baixar a garda”, engadindo que “aínda temos moito espazo para crecer”. Neste sentido dixo tamén que “tendo en conta a nosa posición dentro do sector lácteo español, a produción galega de queixos con denominación (hoxe en día no entorno do 20 por cento do total do queixo que se fai en Galicia) podería medrar sensiblemente”.

Juárez lembrou ademais que este crecemento é, precisamente, “un obxectivo marcado polo Plan Estratéxico do Sector Lácteo posto en marcha por este Goberno”, unha iniciativa que “contemplaba hai xa dous anos a diversificación da produción láctea para reducir a dependencia do leite líquido”. Como exemplo deste compromiso da Xunta o titular de Medio Rural citou as axudas concedidas a 39 queixerías para investimentos en transformación, modernización e comercialización dos seus produtos, para un investimento total que supera os 32 millóns de euros.

O conselleiro salientou ao tempo o potencial do sector lácteo galego en xeral, que –dixo– “segue incrementando o seu volume e capacidade produtiva, así coma o seu peso no conxunto do lácteo español”. Para apoiar esta argumentación, engadiu que “se hai pouco máis de dez anos a produción galega acadaba 1,6 millóns de toneladas hoxe estamos por riba de 2,3 millóns”, o que supón “un incremento dun 38% no prazo dunha década, unha tendencia que se segue mantendo e crecendo, a un ritmo anual do 3%”.

Incremento do mel amparado pola IXP
En relación co mel, Samuel Juárez felicitouse tamén polo “medre experimentado na última década polo produto amparado dentro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia”, engadindo que se pasou das 169 toneladas rexistradas no ano 2000 ás 363 do último exercicio, o que supón –destacou o conselleiro– “un incremento porcentual que supera o 100%, en concreto de máis do 114%”.

Como conclusión, o titular de Medio Rural afirmou que “temos en Galicia uns queixos e un mel excelentes, que gozan –afortunadamente– de moi boa saúde e que teñen unhas magníficas perspectivas de futuro” e aproveitou para reiterar o “compromiso da Consellería en particular e da Xunta en xeral cos produtos do noso agro, moi especialmente con aqueles distinguidos pola súa calidade superior”.

Juárez rematou a súa intervención agradecendo o traballo dos expertos que integraron os paneis de cata e dando os parabéns a tódolos participantes neste certame e de xeito especial aos gañadores.

Redes sociais

Multimedia