Inicio / NOVAS / Notas de prensa / BODEGAS RUCHEL, AMPARADA POR GALICIA CALIDADE, GAÑA O PREMIO AO MELLOR VIÑO BRANCO DE GALICIA 2009
10/09/2010.

BODEGAS RUCHEL, AMPARADA POR GALICIA CALIDADE, GAÑA O PREMIO AO MELLOR VIÑO BRANCO DE GALICIA 2009

O viño foi escollido por un panel de 16 expertos entre case 200 mostras presentadas

O viño branco godello Ruchel, amparado por Galicia Calidade, converteuse no mellor viño branco de Galicia 2009. Así o certificou a XXII Cata de Viños de Galicia que onte entregou os galardóns nun acto celebrado en Ourense e que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. A adega da D.O. de Valdeorras conta na actualidade con dous caldos amparados polo selo de garantía autonómico. Galicia Calidade conta ademais con outras catro adegas amparadas: Terra do Gargalo, da D.O. Monterrei e Adega dos Eidos, Valtea e Castro Baroña da D.O. Rías Baixas.

O presidente da Xunta de Galicia gabou o traballo do sector vitivinícola e afirmou que “divulgan a mellor cara social e a mellor cara económica” de Galicia. A mellor cara social reflíctese, segundo Feijóo, en cada unha das 230.000 persoas que exercen a titularidade dalgún viñedo en Galicia. “E a cara económica –engadiu- distínguese con cifras ben ilustrativas: 130 millóns de euros de facturación media, preto de 650 adegas ou máis de 1.000 empregos directos. Tamén coa notoriedade internacional que teñen adquirido os viños e os augardentes galegos, e que segue medrando co paso dos anos”.

O presidente do Goberno galego avogou por “estender a todos os sectores, a todos os territorios, este modelo cohesionado, arraigado, frutífero e aberto ao mundo enteiro. Non só polos éxitos económicos que pode darnos nesta situación de crise económica, senón tamén porque será un importante reparador da nosa autoestima colectiva”.

Feijóo lembrou que os mesmos viñedos nos que, antano, existía entre o esforzo e o beneficio un desequilibrio, son, hoxe, exemplo de superación e de desenvolvemento. “Aqueles homes e mulleres que traballaban arreo ofreceron unha testemuña que segue viva en todos vós, e que foi medrando de tal xeito que os viños e os augardentes galegos están á nosa disposición en calquera restaurante australiano, en calquera centro comercial americano, en calquera rexión europea”.

O titular da Xunta agradeceu o esforzo e o traballo realizado polo sector. “A vosa historia é tamén historia de Galicia. Dunha terra antiga, obstinada, e con vocación de modernidade. Agradezo, por iso, a vosa contribución para que esa historia teña sido tan exitosa, e anímovos a seguir formando parte dela”. Concluíu.

Redes sociais

Multimedia