Inicio / NOVAS / Notas de prensa / CASA XUSTÁNS EN PONTE CALDELAS, NOVO ESTABLECEMENTO DA REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO DA CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
21/02/2008.

CASA XUSTÁNS EN PONTE CALDELAS, NOVO ESTABLECEMENTO DA REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO DA CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

Casa Xustáns dotará de servizos aos veciños da parroquia mellorando as súas condicións de vida, un dos obxectivos da RCRG

A Consellaría de Innovación e Industria puxo en marcha un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, chamado Casa Xustáns, situado na parroquia de Xustáns, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. A directora xeral de Comercio, Ana Rúa; a delegada da Consellaría de Innovación en Pontevedra, Monserrat Prado; e o xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao, visitaron esta tarde este proxecto piloto que se suma ao xa presentado a semana pasada no concello ourensán de Maceda e o mes pasado no concello coruñés de Touro.

Este establecemento, que conta con servizos como bar, tenda, punto de acceso a internet e tamén punto de información turística, dotará dun maior benestar aos veciños da parroquia, un dos obxectivos cos que xurdiu no ano 2007 o proxecto da Rede de Comercio Rural Galego.

Ana Rúa sinalou que nos vindeiros días a Consellaría de Innovación e Industria porá en marcha o último dos catro establecementos piloto que poñen en marcha este proxecto. Ademais, indicou, que nos vindeiros meses sairá unha orde de axudas para que outros establecementos rurais situados por todo o país podan solicitar a axuda e integrarse na RCRG. A directora xeral explicou que o obxectivo de Innovación e Industria é contar este mesmo ano con preto de 20 establecementos integrados na Rede.

O departamento autonómico investirá neste proxecto máis de catro millóns de euros en catro anos. Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

Esta actuación, que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos adheridos, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e artesanía da comarca. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a Internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Máis e mellores servizos
Casa Xustáns, que así se chama este novo establecemento, permitirá dotar a parroquia de máis e mellores servizos, facilitando a vida das case 700 persoas que viven na mesma, cunha porcentaxe bastante alta de xente lonxeva que emprega as tendas e servizos máis próximos como única forma de abastecemento. Os usuarios da mesma disporán dun total de 93 metros cadrados, dos cales 75 estarán adicados a tenda de autoservizo.

No proxecto de rehabilitación tívose en conta a definición do local para a adaptación ás novas formas de consumo do rural. Habilitouse unha área de tenda onde se ofertarán un gran abano de produtos, así como alimentos de produción ecolóxica, produtos de Artesanía de Galiza e viños galegos; unha zona de bar; así como puntos de acceso a internet e de información turística. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto.

Ao longo de 2008 os novos establecementos da rede terán unha orde de axudas coa que poderán acceder, logo dun proceso de selección, a unha contía de até un 70 por cento do orzamento das obras e até un máximo de 100.000 euros. A partida total para esta iniciativa será de 1,5 millóns de euros para este ano.

Redes sociais

Multimedia