Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Catorce clubs náuticos galegos contan coa certificación Galicia Calidade e impulsan á Comunidade como referente turístico
07/10/2019.

Catorce clubs náuticos galegos contan coa certificación Galicia Calidade e impulsan á Comunidade como referente turístico

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá, na entrega das certificacións de Galicia Calidade a 13 clubs náuticos e a Asnauga que este distintivo confirma que a Comunidade é un referente turístico. O selo de Galicia Calidade foi concedido nun acto celebrado no Real Club Náutico de Sanxenxo no que tamén participou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

A Consellería de Economía, Empleo e Industria, a través de Galicia Calidade, concedeu a licenza de uso da súa marca de garantía ás instalacións náutico deportivas do Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz (Boiro), Club Náutico Sada (Sada), Club Náutico de Ares (Ares), Club Náutico de Portonovo (Sanxenxo), Real Club Náutico de Ribadeo (Ribadeo), Real Club Náutico de Vigo (Vigo), Real Club Náutico de Portosín (Porto do Son), Real Club Náutico de Rodeira (Cangas), Real Club Náutico de SanxenxoReal Club Náutico de A CoruñaClub Náutico Deportivo de RibeiraClub Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) y Monte Real Club de Yates de Baiona, ademais de Anauga.

Os 13 clubs náuticos únense ao Nauta Sanxenxo que xa contaba con esta distinción que acadaron tras superar os requisitos establecidos pola marca de garantía da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A marca de garantía galega avala deste xeito a calidade das instalacións náutico deportivas de Galicia, que lidera o número de náuticos con Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións certificadas.

Tal e como subliñou Conde, o traballo destes clubs, que a partir de agora serán “embaixadores” da Comunidade, achega valor engadido ás súas vilas como referentes lúdicos e deportivos e ofrecen formación teórico-práctica nunha ampla gama de deportes náuticos como vela, remo ou pesca submarina: “Traballaremos xuntos para que a nosa imaxe chegue o máis lonxe posible”, afirmou.

A presidenta de Portos de Galicia, pola súa banda, destacou que o ente público vai traballar para que aos clubs náuticos que xa contan co distintivo Galicia Calidade se sumen outros da comunidade. “Estamos convencidos das potencialidades do sistema portuario galego e está nos nosos plans seguir mellorando as infraestruturas dos nosos peiraos”, salientou Susana Lenguas, que lembrou que os portos náuticos galegos obtiveron boas cifras de tránsitos o ano pasado ao recibir por primeira vez máis de 10.000 embarcacións náutico-recreativas.

Os clubs náuticos que se incorporan á plataforma Galicia Calidade Lecer avalan a aposta de Galicia Calidade e da Xunta por impulsar o turismo de calidade en Galicia e promocionar a nosa comunidade como destino náutico de referencia. Galicia Calidade Lecer agrupa establecementos de ocio, restauración e hostalería de Galicia con calidade certificada. O seu obxectivo é impulsar a calidade como elemento que marque a diferenza respecto de outros destinos turísticos, xerar confianza nos consumidores e acadar maior visibilidade e valoración dos establecementos certificados.

Coas novas incorporacións, a marca de garantía de Galicia conta xa con 125 establecementos certificados de diferentes sectores. No caso dos establecementos de hostalería, deben contar tamén co selo Q de Calidade turística.

Redes sociais

Multimedia