Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Clusaga presenta a ‘Business Factory Food’, a primeira aceleradora do sector alimentario de Galicia
25/03/2019.

Clusaga presenta a ‘Business Factory Food’, a primeira aceleradora do sector alimentario de Galicia

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presentou o pasado venres na Cidade da Cultura a Business Factory Food, a primeira aceleradora do sector alimentario de Galicia. Promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, XesGalicia e da Axencia Galega de Innovación (Gain), BFFood nace para impulsar e consolidar novas empresas que aporten solucións innovadoras ao mercado, afianzar o tecido empresarial e industrial do sector galego e atraer talento nacional e internacional.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, fixo fincapé durante a presentación da iniciativa na calidade e o peso da industria agroalimentaria na economía galega e na oportunidade que BFFood supón tanto para favorecer o emprendemento neste sector, sobre todo no rural, como para impulsar a súa modernización, a través das novas tecnoloxías e a innovación.

Segundo indicou Juan A. Vázquez Gancedo, presidente de Clusaga, “a Business Factory Food nace co obxectivo de buscar solucións aos retos reais das empresas do sector alimentario, mediante a procura das innovacións que nos permitan destacar no contexto global de competencia ao que nos enfrontamos”, concluíu Vázquez Gancedo.

A aceleradora conta co apoio de grandes empresas tractoras do sector, algunhas das cales contan coa marca de garantía Galicia Calidade, como Kiwi Atlántico ou Torre de Núñez. Entre as entidades colaboradoras atópanse, ademais, as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), que forman parte do comité técnico.

Toda a información de BFFood poden coñecerse en www.bffood.gal, cuxa convocatoria permanecerá aberta ata o próximo 16 de maio.

Os proxectos que participen no programa terán acceso a un ámbito especializado, con titores, formación, servizos, infraestruturas e medios técnicos especificamente concibidos para o seu desenvolvemento.

Redes sociais

Multimedia