Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O Clúster da Comunicación de Galicia presenta aos finalistas dos IV Premios Paraugas
22/11/2019.

O Clúster da Comunicación de Galicia presenta aos finalistas dos IV Premios Paraugas


A cuarta edición dos Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia - Premios Paraugas (http://premios.clustercomunicacion.gal) completou unha nova etapa coa presentación dos finalistas que optarán aos galardóns que se entregarán, o vindeiro día 29 de novembro, nunha gala que se celebrará en Expourense.

Os finalistas dos premios, que recoñecen o traballo que se fai en Galicia nas áreas da edición, da impresión, do deseño, da creatividade, do marketing e da comunicación; déronse a conñecer nun acto celebrado este xoves na sede da Asociación Área Empresarial do Tambre, que contou coa participación dalgúns dos finalistas.

Os profesionais que asistiron ao acto recibiron un reconñecemento por parte dos representantes do Clúster da Comunicación de Galicia, que lles deron os parabéns en nome do xurado polos traballos nominados aos galardóns, todos eles realizados entre outubro do 2018 e outubro deste ano.

Categorías

Un total de 50 proxectos, dos máis de 250 presentados a esta edición, competirán na gala do vindeiro 29 de novembro por obter algún dos 18 premios, agrupados nun total de sete categorías: Edición, Impresión, Deseño, Creatividade, Marketing Dixital, Marketing e Comunicación.

O amplo abano de categorías e subcategorías dos Premios Paraugas responde ao desexo do Clúster da Comunicación de Galicia de reconñecer a labor das empresas, institucións e organizacións polo seu bo facer dentro das áreas que conforman a cadea de valor do proceso comunicativo. 


Xurado e patrocinadores

O xurado dos Premios Paraugas, formado por profesionais de prestixio do sector, destacou a gran calidade de todas as candidaturas presentadas.

Algunhas das categorías están patrocinadas por entidades ou empresas que respaldan a iniciativa, tales como HP Índigo, GAIN, Bysidecar, .gal, Avante e Galicia Calidade. Os galardóns tamén contan co patrocinio da Deputación de Ourense.

Gala de entrega e homenaxes

A entrega de premios terá lugar o venres 29 de novembro nunha gala especial, trala celebración do VII Foro da Comunicación de Galicia, no recinto feiral de Expourense. Nese mesmo acto o Clúster homenaxeará ás persoas e institucións que, pola súa traxectoria, pola súa contribución ou por compartir os principios fundacionais do organismo, sexan merecedoras desta distinción. Entre eles atópanse Alejandro Rubín, cabeza visible de Expourense durante dúas décadas, e José María Cruz Novillo, deseñador cunha ampla traxectoria que inclúe a creación de logotipos como o do diario El Mundo, o do PSOE, o do Banco de España, o da COPE e o de Correos, así como a de carteis de películas como Los lunes al sol, Barrio e La escopeta nacional.

Ademais, recibirá unha homenaxe póstuma o publicista e editor ourensán Luis Carballo, que faleceu este mesmo ano. Trátase dunha mostra do recoñecemento á súa labor como fundador da revista de comunicación Galicia Moda e como creador do Pelegrín, mascota e imaxe oficial do Ano Santo de 1993, o primeiro Xacobeo moderno.

A gala servirá tamén para facerlle entrega á presentadora Silvia Jato do Premio Executivas de Galicia, que recoñece a persoas, empresas ou proxectos que poñen en valor o liderado feminino e favorecen a conciliación, a igualdade de oportunidades e a paridade entre homes e mulleres.

Redes sociais

Multimedia