Inicio / NOVAS / Notas de prensa / ECONOMÍA E INDUSTRIA ACHEGA A CARAVANA DE GALICIA CALIDADE Á MARIÑA PARA PROMOCIONAR O CONSUMO DE PRODUTOS GALEGOS
29/08/2012.

ECONOMÍA E INDUSTRIA ACHEGA A CARAVANA DE GALICIA CALIDADE Á MARIÑA PARA PROMOCIONAR O CONSUMO DE PRODUTOS GALEGOS

- A iniciativa da Consellería que dirixe Javier Guerra achegará a calidade dos produtos galegos a 35.000 persoas cunha sede móbil que percorrerá 35 localidades, ata rematar o verán - Mañá comeza o percorrido pola Comarca da Mariña Lucense, coa visita aos concellos do Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro - A campaña inclúe obradoiros de cociña e actividades para os cativos 

A sede móbil da campaña posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria para promocionar o consumo de produtos galegos coa marca Galicia Calidade comezará mañá o percorrido pola Comarca da Mariña Lucense.

Até agora esta iniciativa ten permitido ofrecer a preto de 3.500 persoas, en sete localidades galegas, información de primeira man sobre a marca Galicia Calidade, así como a súa aposta pola innovación e a internacionalización das empresas da Comunidade e os produtos e servizos asociados. Ademais, esta previsto que ao longo de toda a campaña se poida achegar a calidade dos produtos galegos a 35.000 persoas, cunha sede móbil que percorrerá 35 localidades, ata o 29 de setembro.

A marca Galicia Calidade conta xa con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 44 empresas asociadas, que deste xeito adquiren un importante valor engadido, recoñecido como sinónimo de confianza, prestixio e calidade. De feito, os programas de auditorías e ensaios de Galicia Calidade garanten que os produtos e servizos amparados superaron os controis esixidos, para o que é preciso que conten coas materias primas de máis alta calidade, óptimas producións e excelentes servizos.

Esta unidade móbil ten visitado xa os concellos de O Carballiño, Verín, Xinzo de Limia, Chantada, Monforte de Lemos e Sarria. Mentres que hoxe a caravana atópase no Barco de Valdeorras e mañá comezará a xira pola Mariña no concello de Ribadeo, para achegarse despois aos municipios de Foz (30 de agosto), Burela (31 de agosto) e Viveiro (1 de setembro).

A Campaña conta con distintas iniciativas como obradoiros de cociña con produtos de Galicia Calidade, que se poden seguir tanto desde o interior do vehículo, equipado cunha cociña, como a través das pantallas habilitadas no exterior, para despois ofrecer unha degustación dos produtos cociñados entre o público e máis recetarios. Ademais, esta campaña tamén inclúe reparto de obsequios, folletos promocionais e sorteos, e un castelo inchable para os cativos, todo co obxectivo de dar a coñecer a marca Galicia Calidade.

Redes sociais

Multimedia