Inicio / NOVAS / Notas de prensa / ECONOMÍA E INDUSTRIA COLABORA CO EIXO INTERIOR PARA A CREACIÓN DUN SELO DE EXCELENCIA PARA OS PRODUTOS TRADICIONAIS DE CALIDADE
01/02/2012.

ECONOMÍA E INDUSTRIA COLABORA CO EIXO INTERIOR PARA A CREACIÓN DUN SELO DE EXCELENCIA PARA OS PRODUTOS TRADICIONAIS DE CALIDADE

Galicia Calidade participará na selección e avaliación dos produtos que conten co distintivo, achegando a experiencia dos seus vinte anos de existencia  

Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, colaborará co proxecto Eixo Interior para a creación dun selo de excelencia que certificará os produtos tradicionais de calidade da eurorrexión Galicia- Norte de Portugal avalando a calidade dos mesmos. O xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, asinou esta mañá na sede do Eixo Atlántico, en  Vigo, o acordo de colaboración mediante o cal a sociedade pública dependente de Economía e Industria participará na selección destes produtos avaliando a súa idoneidade a adecuación aos pregos de condicións do selo, que terá o nome de “Excelencia”.

Na sinatura do convenio participaron, ademais do xerente de Galicia Calidade, representantes do Eixo Atlántico Peninsular español, do concello do Barco de Valdeorras, da Cámara Municipal de Barcelos, do concello lucense de Sarria, da Deputación de Ourense e do Eixo Atlántico Peninsular portugués. Estas institucións son as que conforman o proxecto Eixo Interior, impulsor do novo selo de garantía.

Mediante esta colaboración, Galicia Calidade participará directamente na selección e aprobación dos produtos que conten co distintivo, aportando a súa experiencia nos vinte anos de existencia e nos 135 produtos amparados na actualidade. O distintivo creado poderá ser empregado polos produtos que obteñan o certificado de uso nas súas embalaxes e promocións publicitarias como garante dunhas características comúns aos mesmos.

Segundo indicaron os representantes do Eixo Interior, o distintivo servirá para aportar un valor engadido aos produtos amparados, achegando ao consumidor a confianza de estar consumindo un produto avalado por unha entidade pública despois de pasar controis e auditorías como mostra da súa calidade.

O feito de certificar produtos artesanais reforza o concepto de Excelencia dotando aos produtos de argumentos reais e obxectivos para que o consumidor os elixa cando realiza a compra nalgún establecemento comercial. 

Redes sociais

Multimedia