Inicio / NOVAS / Notas de prensa / FEIJOO ENTREGA O PREMIO EXECUTIVO DO ANO A IGNACIO RIVERA, CEO DE HIJOS DE RIVERA
18/07/2013.

FEIJOO ENTREGA O PREMIO EXECUTIVO DO ANO A IGNACIO RIVERA, CEO DE HIJOS DE RIVERA

No acto organizado pola revista Ejecutivos Aguas de Mondariz recibiu tamén a distinción á mellor empresa do ano

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta aprobará a vindeira semana unha Lei do Emprendemento e da Economía Competitiva de Galicia que é, ao mesmo tempo, “un trampolín para saltar a emprender e a rede para protexer a quen o faga”. Con ela, engadiu, se reforza o apoio da Administración autonómica ao impulso empresarial, pois habilita un Fondo de Capital Risco que duplica a dotación inicialmente prevista, chegando ata os 4 millóns de euros, cos que se prevé mobilizar un total de 10 millóns. Segundo engadiu, isto se complementará cunha liña de microcréditos para emprendedores.

Durante o acto de entrega dos Premios Ejecutivos no Hostal dos Reis Católicos, o mandatario autonómico sinalou que con esta Lei, será tamén “máis fácil e rápido” desenvolver unha idea de negocio. A este respecto, destacou que se eliminan con carácter xeral as licencias, se activa a Unidade Galicia Emprende para avaliar os proxectos en menos de 30 días, e se poñen en marcha puntos de activación empresarial que fan posible crear unha nova empresa en 24 horas.

Ademais, Feijóo resaltou que a Lei fai máis atractivo emprender, pois contempla un conxunto de incentivos e rebaixas fiscais que se aplicarán con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2013.

Segundo dixo, a Lei do Emprendemento é un instrumento á disposición daqueles interesados en facer realidade a súa idea de negocio, dos que queiran amplialo e de quen busque novos espazos de mercado. “Confiamos nas súas posibilidades e por iso fixamos como meta que a comunidade teña ao final da lexislatura 130.000 novos emprendedores. 130.000 novos creadores de emprego e riqueza, 130.000 novos expoñentes de Galicia como sinónimo de tesón e coraxe”, manifestou o titular da Xunta.

O presidente galego enmarcou esta Lei no empeño do Goberno galego por facer dos empresarios o motor que conduza de novo ao país á prosperidade, unha aposta xa plasmada en feitos como que se dediquen máis fondos que nunca a avalar ás industrias da Comunidade. Nesa liña, subliñou tamén a posta en marcha de incentivos para os autónomos que contraten ata a tres traballadores e a creación dun Fondo de Crecemento dotado con 386 millóns de euros para promover a exportación e a innovación nas empresas galegas.

Unha estratexia de acción
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo, puxo aos galardoados cos Premios Ejecutivos como exemplo de que, aínda que toda aventura empresarial implica risco, “hai momentos en que o realmente perigoso é quedar quieto”. Lembrou que os galegos apostaron en 2009, por romper a inercia de ignorar a crise e apostaron por unha “estratexia de acción” e hoxe se observan os resultados daquel paso adiante que supuxo aplicar unha política económica “realista e responsable”.

Nese sentido, destacou que Galicia ten unhas contas públicas solventes, as únicas que cumpriron nos últimos catro anos o obxectivo de déficit e, “que ninguén teña ningunha dúbida, o volverán cumprir en 2013”, engadiu. Ademais, referiuse á capacidade da autonomía para financiarse comodamente nos mercados, reducindo a débeda e achegándose mesmo ao contorno do déficit cero, e subliñou que Galicia ten, en resume, “a práctica totalidade dos indicadores económicos en mellor situación que a media nacional”.

O mandatario galego destacou a vontade do Goberno autonómico de seguir avanzando e de facelo mediante o apoio a “aqueles que, tendo unha idea, estean dispostos a loitar por ela”, como o fixeron os homes e mulleres premiados esta noite. Salientou o valor de Ignacio Rivera, conselleiro delegado de Hijos de Rivera, galardoado como “executivo do ano”, e de Luis Fernández Somoza, empresario recoñecido pola súa traxectoria. Así mesmo, puxo en valor o “espírito intrépido” que hai detrás do resto dos premios, que recaeron en Augas de Mondariz Fuente del Val, Denominación de Orixe Rías Baixas, Sogama, Lonxa da Coruña,Adolfo Domínguez, Cristal Pontevedresa, Urovesa, Núster Feed, os Espacios Enxebres de Paradores de Turismo e Cosmética Termal Mondariz.

Destacou que moitas destas empresas ostentan nos seus produtos “a máxima garantía do bo facer”, o selo de Galicia Calidade, e todas elas representan “a esencia dun país dinámico, que nin se acomoda na clama nin se aplaca na treboada”.

Redes sociais

Multimedia