Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia aposta por incrementar as vendas da agroalimentación no mercado mexicano
07/03/2019.

Galicia aposta por incrementar as vendas da agroalimentación no mercado mexicano

Unha delegación galega na que participan varias empresas certificadas por Galicia Calidade participa na Feira Expo Antad & Alimentaria de México

A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Economía, Emprego e Industria e Cultura e Turismo, está a acompañar estes días na cidade mexicana de Guadalaxara á delegación galega participante na Feira Expo Antad & Alimentaria, un evento que é o referente do sector agroalimentario no continente americano e no que se dan cita 1.900 expositores de máis de 30 países.

A través de showcookings e catas deseñadas especialmente para o evento, as empresas galegas están a amosar os seu produtos aos profesionais do sector en México, mentres manteñen axendas individuais de negocio tanto con cadeas asociadas á Asociación Nacional de Tendas de Autoservizo e Departamentais (Antad) como con compañías compradoras do país centroamericano. Ademais, a Escola Culinaria Internacional de Guadalaxara acolleu a celebración do cóctel inaugural “Galicia Sabe”, onde o cociñeiro galego Alberto Lareo sorprendeu aos convidados cun menú no que se empregaron os alimentos e bebidas da marca Galicia presentes na feira.

Participación de empresas certificadas por Galicia Calidade

Na misión conxunta, participan varias empresas alimentarias galegas certificadas pola marca de garantía Galicia Calidade: Cooperativa vitivinícola arousana, Adegas Terra de Asorei, Grupo Coren e Torre de Nuñez.

Na delegación galega están presentes tamén a Cámara de Comercio da Coruña e as empresas Conservas Portomar, Conservas La Brújula, Viña Costeira, Viña Moraima, Martín Códax, Agro de Baxán, Orballo Innovaciones Forestales así como Anfaco-Cecopesca e o Consello regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas

Galicia conta cun pavillón propio, dentro da área dedicada a España, no que se mostra unha representación de alimentos e bebidas galegos como as conservas e os viños das D.O. Rías Baixas e Ribeiro.

Redes sociais

Multimedia