Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE AMPARA OS VIÑOS DA BODEGA CASTRO BAROÑA
06/07/2010.

GALICIA CALIDADE AMPARA OS VIÑOS DA BODEGA CASTRO BAROÑA

Con esta incorporación, a marca de garantía conta na actualidade con 36 empresas

A consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, acaba de incorporar os produtos dunha nova empresa, afincada no concello pontevedrés de Meis. En concreto, trátase dos viños amparados pola D.O. Rías Baixas e pertencentes á empresa Castro Baroña. Con esta incorporación, a marca de garantía conta na actualidade cun total de 36 empresas e 116 produtos amparados.

Castro Baroña é unha adega que naceu no ano 1996 e que se propuxo como obxectivo dende o seu nacemento a realización do mellor albariño. Neste momentos, a empresa está a desenvolver unha sólida rede de distribución en España e no estranxeiro que lle permita estar á altura dos mellores. A adega conta con todos os avances tecnolóxicos e con depósitos de aceiro de entre 5.000 e 25.000 litros.

En canto á produción, Castro Baroña conta con acordos cos viticultores da zona do Salnés, propietarios de viñas seleccionadas pola súa alta calidade. Ademais, de xeito paulatino, estanse a incorporar viñedos propios, ubicados nas ladeiras próximas á adega. Para a elaboración dos seus caldos, emprega tan só a variedade albariño nas marcas Castro Baroña, Monte Louro e Lagar do Castelo, conseguindo así mostrar fielmente o carácter da zona do Salnés e da D.O. Rías Baixas.

Nos últimos anos, Castro Baroña conseguiu posicionarse como unha adega cuns caldos moi ben situados tanto dentro de España como no mercado internacional. Este feito vén avalado polos premios recentemente conquistados como a medalla de prata no Concurso Mundial de Bruselas 2010, a medalla de ouro no Wine Masters Challenge 2010, a medalla de prata no Bacchus 2010 ou outras distincións colleitadas en anteriores edicións.

Sector alimentario
Con esta nova incorporación, Galicia Calidade continúa a apostar claramente polo sector agroalimentario ata o punto de que máis do 90 por cento dos seus produtos pertencen claramente a este campo. En canto ao sector vinícola, a día de hoxe son cinco as adegas que contan con algún dos seus caldos amparados pola marca de garantía. Estas empresas son Valtea, Adega dos Eidos e a recentemente incorporada Castro Baroña, da D.O. Rías Baixas; Ruchel da D.O. Valdeorras e Gargalo da D.O. Monterrei.

En canto a produtos as cinco adegas contan cun total de 15 caldos amparados por Galicia Calidade. Este feito fai que o apoio da marca de garantía ao sector vitivinícola sexa firme e decidido. Neste sentido, recentemente a marca de garantía estivo presente na feira Vinisterrae, en Ourense, que é unha das mostras máis importantes en Galicia no sector do viño e no que contou coa presenza das catro adegas daquela presentes.

Redes sociais

Multimedia