Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE AMPARA TRES NOVOS PRODUTOS DA EMPRESA CÁRNICA LUCENSE TORRE DE NÚÑEZ DE CONTURIZ
14/09/2010.

GALICIA CALIDADE AMPARA TRES NOVOS PRODUTOS DA EMPRESA CÁRNICA LUCENSE TORRE DE NÚÑEZ DE CONTURIZ

O chourizo vermello, o entrefebrado curado e o entrefebrado en rebandas lucirán a partir de agora o distintivo de garantía autonómico

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, vén de certificar tres novos produtos co seu distintivo de garantía. En concreto, a empresa Torre de Núñez de Conturiz solicitou o selo de distinción galego para o chourizo vermello cru-curado, o entrefebrado curado sen costela e o entrefebrado curado en rebandas, comercializados coa marca “Torre de Núñez”. A empresa lucense contaba dende o ano 2005 co xamón curado e o lombo embuchado adheridos á marca.

Así, dende hoxe, a empresa lucense poderá comercializar os cinco produtos co distintivo de Galicia Calidade o que lle permitirá posicionar nos mercados, tanto no resto de España como no ámbito internacional, así como fixar a procedencia dos mesmos. Galicia conta con gran prestixio exterior no ámbito da alimentación e os produtos gastronómicos polo que o feito de estar avalados e sinalizados co logotipo de garantía supón un beneficio primordial para as empresas que teñan vocación clara de internacionalización da súa produción.

Con esta incorporación, Galicia Calidade conta na actualidade con 119 produtos amparados que supón unha representación real do abano da produción galega. Gran parte destes produtos, en torno ao 95%, pertencen ao sector alimentario, moi presente en Galicia e que conta con gran sona nos mercados nacionais e internacionais pola súa calidade e prestixio na elaboración.

Galicia Calidade é consciente dos altos estándares de calidade da maioría dos produtos galegos, sobre todo no que se refire á alimentación, polo que á hora de adherir produtos á marca de garantía é preciso que presenten algo distinto, algo que os diferencie dos que están ao lado. Neste caso, Torre de Núñez presenta os mellores avances tecnolóxicos na fabricación dos seus produtos, pero sen deixar de lado a tradición e a calidade dos mesmos.

Aposta pola calidade
Torre de Nuñez é unha empresa que leva máis de 40 anos dedicada á elaboración de produtos cárnicos. Nos anos 60 o seu fundador, Manuel José Núñez Aldegunde, inicia unha distribución a nivel nacional. A boa acollida dos seus produtos obríganos a unha política de expansión que comeza nos anos 80 cunha fábrica ás aforas de Lugo e que se consolida no ano 2000 coa creación dunha nova planta de 15.000 m2 dotada da última tecnoloxía para a elaboración de produtos cárnicos.

Nun medio no que o crecemento adoita supoñer unha perda de calidade no produto final, Torre de Núñez encontra o equilibrio perfecto entre a tecnoloxía e a elaboración artesá. A empresa lucense aposta e apostará sempre pola calidade dos seus produtos e procesos, como único camiño cara ó éxito empresarial. Seguindo o camiño xa emprendido, no ano 2007 obtense a certificación de produto “Etg Jamón serrano” que ampara as esixentes especificacións do xamón curado español, produto que representa a aposta de futuro da firma no mercado exterior.

Redes sociais

Multimedia