Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade certifica os xeados de La Central Heladera
30/07/2019.

Galicia Calidade certifica os xeados de La Central Heladera

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega esta mañá en San Cibrao das Viñas do distintivo de garantía a La Central Heladera, empresa especializada na elaboración de xeado 100% galego. No acto estivo tamén presente Marisol Díaz Mouteira, delegada da Xunta de Galicia en Ourense.

Creada no ano 2015, La Central Heladera naceu coa vocación de converterse na alternativa máis saudábel aos xeados máis industriais, iogures conxelados ou produtos prefabricados. Con este recoñecemento, a empresa ourensá contará co selo de garantía para os seus sorbetes de froitas e xeados de crema, elaborados mediante unha formulación propia que consegue en cada sabor o equilibrio entre a tradición e a innovación.

Os xeados de La Central Heladera elabóranse a partir de produtos autóctonos de calidade, con materia prima de proximidade e elaborados de forma tradicional, o que permite manter as súas propiedades e conservar o seu sorprendente sabor. Son comercializados a través de diferentes formatos, xa que a empresa conta con puntos de venta propios na provincia de Ourense e Pontevedra e con BOX móbiles distribuídos pola xeografía galega. O xeado de La Central Heladera tamén se pode atopar nos mellores puntos de restauración a nivel nacional, con presenza en Barcelona, Sevilla e Madrid.

A directora xeral de Comercio agradeceu a aposta de La Central Heladera pola calidade e os produtos galegos para a elaboración dos seus xeados. Pola súa banda, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, mostrou a súa satisfacción pola incorporación dun produto tan ligado á tradición e que se mantén en constante innovación en sabores e produtos empregados como son os xeados de La Central Heladera. Deste xeito, destacou “incorporamos a Galicia Calidade un novo produto que integra calidade, orixe, tradición e innovación”.

Redes sociais

Multimedia