Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE CONCEDE O CERTIFICADO DE GARANTÍA Á ADEGA RUCHEL DA DENOMINACIÓN DE ORIXE VALDEORRAS
05/11/2008.

GALICIA CALIDADE CONCEDE O CERTIFICADO DE GARANTÍA Á ADEGA RUCHEL DA DENOMINACIÓN DE ORIXE VALDEORRAS

O xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao, fixo entrega deste distintivo

O xerente de Galicia Calidade fixo entrega esta mañá, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras, do certificado da marca de garantía Galicia Calidade á adega Ruchel S.L. A adega da Denominación de Orixe Valdeorras poderá empregar o distintivo da marca de garantía na comercialización dos seus caldos da marca Ruchel, nas variedades godello e mencía.

Galicia Calidade sabe da importancia que teñen para Galiza os sectores produtivos polo que aposta claramente pola potenciación do sector agro-gandeiro e da pesca. De feito, o noventa por cento dos produtos amparados pertencen aos mesmos. Máis concretamente, a Consellaría de Innovación e Industria aposta polo agricultura galega como un dos sectores produtivos máis importantes e que xera un gran número de postos de traballo. Neste senso, o sector do viño, que supón case o 10 por cento da produción da rama agraria, e cunha produción no 2007 de 45,1 millóns de kilos de uva, representa un dos obxectivos claros desta sociedade pública,en aras dunha reestruturación e reconversión dos viñedos, así como a recuperación de superficies abandonadas. A entrega do certificado a Ruchel é, pois, un feito importante para Galicia Calidade.

Case vinte anos de duro traballo
Ruchel foi constituída no ano 1989, coa idea de producir viños de calidade, sacando ao mercado por primeira vez o seu viño branco Ruchel en 1990; no ano 1998 ampliouse a adega, co fin de elaborar e comercializar viños tintos. A adega está situada no Pazo dos Cabaleiros en Vilamartín de Valdeorras, onde elabora e embotella os seus propios viños baixo a denominación de orixe de Valdeorras.

Desde a propia adega pódense apreciar unhas catro hectáreas de viñedos, pois a adega eríxese na cima dun outeiro bordeado por fermosos bancais. Ademais téñense unhas cen hectáreas baixo supervisión. Todos os viñedos, cunha media de vinte anos, localízanse nos arredores de Vilamartín de Valdeorras, en zonas óptimas para o crecemento, desenvolvemento e maduración da uva. A uva predominante é a variedade Godello, polas variedades brancas; e Mencía en tintas.

Con esta adhesión, son xa catro adegas as que posúen o certificado de calidade, dúas da D.O Rías Baixas, Vilarvín S.L. e Adega dos Eidos S.L., xunto coa da D.O. Monterrei, Terra do Gargalo, e a anteriormente citada Ruchel. Ademais, outras moitas adegas teñen xa solicitado neste momento a adhesión a Galicia Caldiade á espera de recibir o distintivo tras superaren as auditorías previas.

Redes sociais

Multimedia