Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE CONCEDE O CERTIFICADO DE GARANTÍA Á ADEGA VILARVÍN DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS
24/06/2008.

GALICIA CALIDADE CONCEDE O CERTIFICADO DE GARANTÍA Á ADEGA VILARVÍN DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS

A delegada provincial en Pontevedra, Montserrat Prado, e o xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao, fixeron entrega deste distintivo

A delegada en Pontevedra da Consellaría de Innovación e Industria, Montserrat Prado, fixo entrega esta mañá, no concello pontevedrés de Crecente, do certificado da marca de garantía Galicia Calidade á adega pontevedresa Vilarvín S.L. No acto tamén estiveron presentes o delegado provincial en Pontevedra da Consellería de Medio Rural, Gonzalo Constenla, e o xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao. A adega da Denominación de Orixe Rías Baixas poderá empregar o distintivo da marca de garantía na comercialización do seu caldo albariño da marca Valtea.

A Consellaría de Innovación e Industria, a través de Galicia Calidade, aposta polo agricultura galega, como un dos sectores produtivos máis importantes e que xera un gran número de postos de traballo. Neste senso, o sector do viño, que supón case o 10 por cento da produción da rama agraria, e cunha produción no 2007 de 45,1 millóns de kilos de uva, representa un dos obxectivos claros desta sociedade pública,en aras dunha reestruturación e reconversión dos viñedos, así como a recuperación de superficies abandonadas. A entrega do certificado a Vilarvín é, pois, un feito importante para Galicia Calidade.

A mellor uva para un caldo de calidade
Adegas Vilarvín nace a finais dos noventa co único propósito de elaborar un viño que se caracterice por ser persoal e varietal. Cunha produción non superior ós 400.000 litros, Valtea converteuse nuns poucos anos nunha das grandes referencias da D.O. Rías Baixas, sendo así recoñecido non só a nivel nacional senón tamén internacional. O traballo exaustivo co que se coidan as cepas vellas da plantación e que dalgún xeito limitan a produción, compleméntano a tecnoloxía e a arte da elaboración na adega, onde a selección de cepas e uvas é un primeiro paso para lograr unha calidade suprema.

A práctica totalidade das cepas utilizadas para a elaboración destes caldos proceden dos viñedos da propiedade. O viño Albariño Valtea nace como resultado dunha vendima realizada con uvas en perfecto estado de maduración. O segredo da súa elaboración parte das uvas das cepas vellas e un esmerado coidado desde antes do nacemento do acio. Como resultado, un xove monovarietal de albariño de potente e afroitado aroma. Con matices florais, amplo en boca, carnoso e persistente, cun elegante e potente posgusto.

Con esta adhesión, son xa dúas as adegas desta D.O que forman parte de Galicia Calidade, Vilarvín S.L. e Adega dos Eidos S.L., xunto coa da D.O. Monterrei, Terra do Gargalo, que recentemente obtivo tamén o certificado. Ademais, outras moitas adegas teñen xa solicitado neste momento a adhesión a Galicia Caldiade á espera de recibir o distintivo tras superaren as auditorías previas.

Redes sociais

Multimedia