Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación
13/02/2019.

Galicia Calidade identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que a marca Galicia Calidade reforzará a competitividade do sector agroalimentario, identificando e potenciando os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación.

Así mesmo, Feijóo aseverou que esta marca amparará tamén tanto os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas como o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras da Comunidade, e o selo relativo á pesca de rías. “Todo isto para dar maior valor engadido a estas producións”, explicou, precisando que o impulso a Galicia Calidade como identidade da excelencia no rural galego farase con base a dous piares: o financiamento e a estratexia.

No tocante ao financiamento, o titular da Xunta resaltou que este pivotará sobre a promoción, o posicionamento e a axuda a todos os produtores e transformadores da produción agroalimentaria galega. Mentres que a estratexia centrarase en optimizar recursos para unificar a acción de todos os actores implicados e para levar a marca Galicia Calidade ao primeiro nivel mundial.

“Non buscamos, pois, a cantidade a calquera baixo prezo, senón a produción con calidade diferenciada”, afirmou, subliñando que o plan de acción de Galicia Calidade estruturarase en cinco apartados: formación, investigación, promoción, internacionalización e a experiencia.

Así mesmo, cómpre destacar que Galicia Calidade será unha aposta transversal das catro estratexias da próxima década: unha Galicia máis verde, unha Galicia máis innovadora, unha Galicia máis moza e unha Galicia máis familiar.

“Había que conseguir outra vez que todos os sectores agroalimentarios creran neste selo único, e quero felicitar á Consellería, ao equipo e ao conselleiro por conseguilo, porque é un adianto clarísimo na boa dirección e unha boa nova para todos aqueles que cremos que Galicia ten que identificarse non coa cantidade, senón coa calidade dos produtos que transforma e que produce”, sentenciou.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor a aposta do seu departamento pola calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios. Nese contexto situou tamén a iniciativa de converter o pazo de Quián en “Espello do rural galego”, un proxecto onde a Xunta vai investir 10 millóns de euros e cuxo concurso se publicou no DOG en decembro do pasado ano. “Un exemplo da aposta desta administración polo rural galego, pola calidade no rural galego”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Redes sociais

Multimedia