Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE CONTARÁ CUN ORZAMENTO DE 1,1 MILLÓNS DE EUROS PARA 2006
26/07/2006.

GALICIA CALIDADE CONTARÁ CUN ORZAMENTO DE 1,1 MILLÓNS DE EUROS PARA 2006

O conselleiro de Innovación e Industria e o xerente de Galicia Calidade S.A. presentaron hoxe a nova imaxe de Galicia Calidade. Dez empresas xa solicitaron nos últimos seis meses a licenza de uso da marca de referencia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2006.- A Consellaría de Innovación e Industria presentou hoxe a nova imaxe visual da marca Galicia Calidade, coa que se pretende acompañar á modernización e innovación que se está a producir na sociedade galega, segundo dixo no acto de presentación da nova imaxe da marca o titular de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco. O conselleiro nacionalista explicou que esta nova imaxe non é un feito illado senón que se insire nun plano estratéxico a desenvolver nos vindeiros tres anos e que permitirá dar un salto cualitativo e posibilitará unha auténtica consolidación e promoción da marca e dos produtos nela amparados.

Blanco anunciou que a evolución da imaxe visual da marca non ven por si soa senón que trae consigo unha campaña de promoción orzamentada en 1,1 millóns de euros coa fin de difundir a nova imaxe da marca, asociar a orixe galega dos produtos e servizos como elemento de calidade diferencial, acadar a máxima notoriedade de Galicia Calidade como marca de garantía do país, e que os consumidores e consumidoras procuren e merquen produtos coa marca. Para a consecución dos obxectivos fixados o conselleiro sinalou como fundamental o plano estratéxico de comunicación e promoción da marca que se vai desenvolver nos próximos tres anos.

Para o titular de Innovación e Industria Galicia Calidade ha de ser quen de facilitar, non só a entrada dos nosos produtos nos mercados tanto galegos como internacionais, senón tamén que os consumidores e consumidoras estean dispostos a pagar un prezo máis xusto polos produtos galegos que ostenten o distintivo da marca. Ao seu xuízo, con isto acadárase tamén que os sectores produtivos básicos do país teñan unha acaída promoción e poidan optar a unha fonte de recursos importante que axude a viabilizalos, tal e como a súa calidade intrínseca reclama.

Fernando Blanco salientou tamén que o proceso de renovación e relanzamento que se persegue para Galicia Calidade está xa en marcha tal e como demostran as solicitudes que nos últimos seis meses se recibiron, en concreto de parte de dez produtos doutras tantas empresas, que xa solicitaron a licenza de uso da marca.

Redes sociais

Multimedia