Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade participará na VIII edición de 'Corazón da Artesanía' de Agolada
26/06/2019.

Galicia Calidade participará na VIII edición de 'Corazón da Artesanía' de Agolada

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou esta mañá en Agolada 'Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia', que se celebrará do 5 ao 7 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). 

Na presentación, na que participou tamén o alcalde da localidade pontevedresa, Luis Calvo, xunto co presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manolo González, e o presidente da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, Albino Quinteiro, salientouse que este encontro se configura como un gran escaparate de promoción e posta en valor dos oficios artesanais tradicionais galegos. Chega á súa oitava edición como a cita referente do sector, que o ano pasado atraeu a máis de 8.000 persoas. 

Durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único con artesanía en vivo, showcookings e venda de produtos gastronómicos, obradoiros e exposicións, animado con música e baile en directo e actividades para nenos.

Contará coa participación de 66 profesionais de Artesanía de Galicia (36 da provincia da Coruña, 6 de Lugo, 2 de Ourense e 22 de Pontevedra) de 27 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a cestería, a marroquinería, a bixutería, a elaboración de instrumentos musicais, a olería, o téxtil, a tellería, a cerámica, a forxa, as colareiras, a elaboración de zocos, a talla de madeira, os xoguetes, a torneiría e talla de madeira, a ilustración, a zapatería, a elaboración de figuras de pan e a manipulación de papel. 

O Corazón da Artesanía convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. 

Ademais de percorrer os postos de exposición e venda, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán asistir a demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros gratuítos abertos para todos os públicos, que están programados en horario de 11,30 horas a 14,00 horas e de 16,00 a 21,30 horas. Nesta ocasión, impartirase  para adultos e nenos un obradoiro de manipulado de papel, impartido por Mimadriña (Fisterra); outro de creación de cianotipias, a cargo de María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); un curso de iniciación ao torno cerámico, da  man de Susana González (A Coruña), Antón Romar (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo); e un obradoiro de pintura sobre tecido, impartido por Como Pez en el Agua (Santiago de Compostela).

Así mesmo, no marco do VIII Corazón da Artesanía, a Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada para artesáns: un de complementos zero waste, técnica coa que na confección dunha prenda de moda se aproveita o 100% da superficie da tea, impartido por Aroa Veiga (Gondomar); e outro de cestería de palla con silveira e xesta con vimbio, na que se traballará na evolución da técnica de cosedura en espiral, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén). 

Artesanía no Prato
Como xa é habitual, o Corazón da Artesanía incorpora a iniciativa Artesanía no Prato, coa colaboración de Galicia Calidade, co obxectivo de achegar Artesanía de Galicia ao eido da mellor gastronomía galega, a través de showcookings de prestixiosos chefs galegos que empregan pezas da marca como soporte dos seus menús. 

Nesta edición participarán os chefs Lucía Freitas, da Tafona (Santiago de Compostela) -unha estrela Michelin, un Sol Repsol e o respaldo de Galicia Calidade Lecer-; Héctor López, do Restaurante España (Lugo) -dous Soles Repsol e integrante tamén de Galicia Calidade Lecer-; Alén Tarrío, do Pampín Bar (Santiago de Compostela); e Javier Rodríguez Ponte “Taky” do Catering Boketé (A Coruña). Ademais, participará a enóloga Cristina Murga e o barista Óscar de Toro.

Así mesmo, 47 empresas de produtos de alimentación participarán na iniciativa (14 da provincia da Coruña, 10 de Lugo, 6 de Ourense e 17 de Pontevedra), e haberá 3 food trucks que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos. 

Música
O programa do Corazón da Artesanía. VIII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos que terán lugar na Praza do Concello. O grupo Baiuca será o encargado de pechar o programa do venres 5 de xullo ás 22,00 horas e a actuación de Fanfarria Taquikardia protagonizará a noite do sábado 6 a partir das 22,30horas. A sesión vermú do sábado estará amenizada polo Dj Moreno Moreno, e a do domingo por Chus Silva Dj. A música tradicional estará representada pola Asociación Folklórica Cultural Xirandaina, de Santiago, que actuará o domingo ás 19,00 horas.

Redes sociais

Multimedia