Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE E ARTESANÍA DE GALICIA ACUDIRÁN A IBERJOYA 2013 CON 5 XOIARÍAS QUE LEVAN ESTES SELOS DISTINTIVOS
09/09/2013.

GALICIA CALIDADE E ARTESANÍA DE GALICIA ACUDIRÁN A IBERJOYA 2013 CON 5 XOIARÍAS QUE LEVAN ESTES SELOS DISTINTIVOS

Os organismos da Consellería de Economía e Industria contarán cun  stand  propio no que exporán as características da artesanía galega e a calidade do seu produto

Galicia Calidade e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño participarán na próxima edición de Iberjoya co obxectivo de presentar os traballos das cinco empresas galegas que acoden á feira este ano para dar a coñecer as últimas novidades en deseño e fabricación de xoias a compradores profesionais de todo o mundo. Neste sentido, ambos organismos, dependentes da Consellería de Economía e Industria, contarán cunstand propio no que exporán as características da artesanía galega e a calidade do seu produto, tomando parte nun encontro no que se expoñen as últimas novidades de alta xoiaría e as novas propostas de vangarda, e que na súa pasada edición convocou a máis de 14.500 visitantes de 82 países. 

Na cita, que se celebrará entre o 11 e o 15 de setembro no recinto feiral de IFEMA en Madrid, estarán presentes Unión Joyera de Bergondo eArdentia, ambas de Bergondo; Fink Orfebres, de Santiago de Compostela e Óscar Rodríguez Joyeros e Piropo Joyas, de Viveiro. As cinco empresas galegas están amparadas tanto pola marca Artesanía de Galicia como polo selo de Galicia Calidade, grazas ao convenio de colaboración posto en marcha co Colexio Oficial de Xoieiros para incorporar esta certificación, que só se outorga a produtos e servizos que traballan con materias primas de alta calidade, desenvolven unha produción óptima e aportan excelencia no servizo.

Galicia Calidade, ademais de conceder o seu selo, apoia ao sector nas súas campañas de promoción, asistencia a feiras e todo tipo de eventos que permitan reforzar o prestixio da xoiaría galega non só en España, senón tamén a nivel internacional. Esta estratexia permite ás empresas buscar novos mercados, especialmente noutros países e reforzar así as súas estratexias de internacionalización.

Do mesmo xeito, a participación en Iberjoya enmárcase na estratexia integral de apoio ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que ten por obxectivo a procura de novos mercados, a aposta pola innovación, o deseño e a especialización.

As creacións de Unión Joyera de Bergondo, Ardentia, Fink Orfebres, Óscar Rodríguez Joyeros e Piropo Joyas non só están en Iberjoya, senón que as empresas que contan co selo Galicia Calidade acoden tamén a feiras de prestixio internacional como Inhorgenta de Münich, Bijohrca de París ou Las Vegas. Grazas a estas estratexias de internacionalización, as xoias de denominación de orixe galega están en escaparates dos cinco continentes, desde Estados Unidos, Alemaña, Portugal ou o Reino Unido ata outros mercados en expansión como os países do Leste ou do Golfo Pérsico.

Xoias galegas en Iberjoya 2013
Óscar Rodríguez, que participa desde 1995 nesta cita internacional, presentará en Iberjoya 2013 60 obras integradas nas coleccións Tesouros do Mar, xoias de cunchas con ouro, metais preciosos e diamantes e Tesouros da Terra, xoias de minerais, con ouro, metais preciosos e diamantes.

Coa nova marca da empresa, Piropo Joyas, diríxense a un cliente que segue a moda e nesta edición 2013 de Iberjoya presentarán por vez primeira, ademais das súas propostas en xoiaría, as súas coleccións de reloxería e complementos de pel. En xoiaría, Piropo Joyas leva nesta edición á feira a súa colección Orgullo, pezas cunha estética elegante e moi feminina onde as trenzas ocupan un lugar destacado.

Unión Joyera de Bergondo participa nesta cita internacional de Iberjoya con dúas liñas moi diferentes de produtos: os deseños espectaculares da alta xoiaría, que é desde sempre o seu selo diferencial con diamantes, esmeraldas, rubís ou zafiros coidadosamente seleccionados; e unha liña accesible a todos os públicos nas que o deseño ten unha especial relevancia. Son pezas nas que se combinan cores diversas e variadas texturas de ouro con pedras de diferentes cores e se seguen as tendencias actuais en deseño de xoias: desde caveiras ata formas inspiradas en flores ou animais.

Ardentia, pola súa banda, acode a Iberjoya co obxectivo de consolidar contactos e vendas con clientes, potenciar a súa imaxe de marca e dar a coñecer o carácter diferenciador das nosas coleccións entre o público profesional que acode á feira. Neste certame internacional presentará a súa colección Enova, en prata e acibeche con pendentes, aneis, colgante e alfinete, pezas elaboradas artesanalmente con materiais de primeira calidade. Ademais daranse a coñecer todas as coleccións deseñadas para a campaña de Nadal.

Fink Orfebres presentará na mostra as novas coleccións para a temporada centradas na investigación de formas, texturas e cores, que serán unha auténtica sorpresa para os que acudan á feira. Esta empresa santiaguesa, que se dedica ao deseño, fabricación e comercialización da xoiaría de prata seguindo a tradición dos mestres ourives de Santiago de Compostela, traballa en deseños propios en prata e acibeche, esmaltes ao fogo, pedras semi-preciosas con acabados diversos: mate, brillo, texturas e dourados.

O sector da xoiaría
España é o cuarto produtor europeo de xoias. O seu traballo distínguese polo valor engadido que achega ás súas pezas, o deseño, e pola calidade e acabados das mesmas. Uns sinais de identidade que se reforzan con iniciativas como o selo Galicia Calidade que permite aportar unha certificación oficial dos produtos que se ofrecen ao cliente.

En Galicia, a Federación Galega de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros reúne a case 450 empresas, comerciantes e tamén fabricantes, tanto industriais como artesanais, a súa facturación en 2012 acadou case os 100 millóns de euros e da traballo a máis de 1.500 persoas.

Redes sociais

Multimedia