Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE ENTREGA O CERTIFICADO DE USO Á EMPRESA LUCENSE ALIMENTOS LÁCTEOS
09/08/2012.

GALICIA CALIDADE ENTREGA O CERTIFICADO DE USO Á EMPRESA LUCENSE ALIMENTOS LÁCTEOS

Os produtos lácteos envasados coa marca Deleite contan dende hoxe co selo de garantía autonómico

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, acaba de incorporar a unha nova empresa á súa marca de garantía. O xerente da sociedade pública, Carlos Vila, fixo entrega hoxe do certificado de uso ao xerente da empresa Alimentos Lácteos, Miguel Martín, dedicada ao envasado e distribución de produtos lácteos.

Con esta distinción, Galicia Calidade ampara os seguintes produtos de Alimentos Lácteos: leite enteiro, semidesnatado e desnatado da marca Deleite, así como leite enteiro, semidesnatado e desnatado enriquecidos con calcio da marca Deleite. Así, a marca de garantía recoñece a calidade destes produtos así como a súa orixe galega.

Na actualidade, Alimentos Lácteos S.A., está integrada por dez cooperativas e case 900 explotacións gandeiras estendidas por toda a xeografía galega que achegan 500.000 litros diarios de leite á planta de Outeiro de Rei.

Dende o seu nacemento, no ano 2010, a súa marca insignia Deleite tivo unha evolución sen precedentes, que a coloca na actualidade como a preferida polos galegos. O seu intenso sabor froito da alimentación natural do gando e do procesamento en fábrica a través da inxección directa de vapor, permite conservar cor e texturas que recordan aos orixes.

Máis de 150 produtos

Con esta incorporación Galicia Calidade conta xa con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 44 empresas asociadas. Dentro deste sector, Galicia Calidade xa ten amparados a día de hoxe produtos doutras dúas empresas galegas como Feiraco e Leche de Galicia, así como as queixerías Castillo de Pambre e Cas Leiras. Poden consultar máis información de Galicia Calidade na nosa web www.galiciacalidade.es.

Redes sociais

Multimedia