Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE ENTREGA O CERTIFICADO DE USO DA MARCA Á ADEGA CASTRO BAROÑA
08/07/2010.

GALICIA CALIDADE ENTREGA O CERTIFICADO DE USO DA MARCA Á ADEGA CASTRO BAROÑA

Con esta incorporación son xa cinco adegas galegas as que contan co distintivo de calidade

O director xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, fixo entrega hoxe do certificado de uso da marca de garantía á adega de Meis Castro de Baroña. O acto contou tamén coa presencia do delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o alcalde do Concello de Cambados D. Luis Aragunde Aragunde, e socios e membros do Consello de Administración da adega. Con esta incorporación, o selo de garantía conta con cinco adegas adheridas.

No acto de entrega, Carlos Vila apostou por incorporar a Galicia Calidade as mellores empresas galegas que aposten claramente pola calidade dos seus produtos. Segundo indicou, a Xunta de Galicia, a través da marca de garantía, busca as empresas que podan aportar innovación e vocación de internacionalización. Galicia Calidade, subliñou, ten por obxectivo colaborar coas empresas e axudarlles a situarse nos mercados internacionais e no resto de España. Por este motivo, é preciso que as propias empresas queiran saír aos mercados de fóra de Galicia e abrir novas vías de comercialización dos seus produtos.

En canto á innovación, Galicia Calidade é consciente dos altos estándares de calidade da maioría dos produtos galegos, sobre todo no que se refire á alimentación, polo que á hora de adherir produtos á marca de garantía é preciso que presenten algo distinto, algo que os diferencie dos que están ao lado. Neste caso, argumentou, a adega Castro Baroña presenta os mellores avances tecnolóxicos na fabricación dos seus viños, pero sen deixar de lado a tradición e a calidade dos mesmos.

Os mellores viños albariño
Castro Baroña é unha adega que naceu no ano 1996 e que se propuxo como obxectivo dende o seu nacemento a realización do mellor albariño. Neste momentos, a empresa está a desenvolver unha sólida rede de distribución en España e no estranxeiro que lle permita estar á altura dos mellores. A adega conta con todos os avances tecnolóxicos e con depósitos de aceiro de entre 5.000 e 25.000 litros. En canto a producción da adega para a marca Castro Baroña son 143.000 botellas, Lagar do Castelo 64.000 botellas e Montelouro 23.000 botellas.

En canto á produción, Castro Baroña conta con acordos cos viticultores da zona do Salnés, propietarios de viñas seleccionadas pola súa alta calidade. Ademais, de xeito paulatino, estanse a incorporar viñedos propios, ubicados nas ladeiras próximas á adega. Para a elaboración dos seus caldos, emprega tan só a variedade albariño nas marcas Castro Baroña, Monte Louro e Lagar do Castelo, conseguindo así mostrar fielmente o carácter da zona do Salnés e da D.O. Rías Baixas.

Nos últimos anos, Castro Baroña conseguiu posicionarse como unha adega cuns caldos moi ben situados tanto dentro de España como no mercado internacional. Este feito vén avalado polos premios recentemente conquistados como a medalla de prata no Concurso Mundial de Bruselas 2010, a medalla de ouro no Wine Masters Challenge 2010, a medalla de prata no Bacchus 2010 ou outras distincións colleitadas en anteriores edicións.

Sector alimentario
Con esta nova incorporación, Galicia Calidade continúa a apostar claramente polo sector agroalimentario ata o punto de que máis do 90 por cento dos seus produtos pertencen claramente a este campo. En canto ao sector vinícola, a día de hoxe son cinco as adegas que contan con algún dos seus caldos amparados pola marca de garantía. Estas empresas son Valtea, Adega dos Eidos e a recentemente incorporada Castro Baroña, da D.O. Rías Baixas; Ruchel da D.O. Valdeorras e Gargalo da D.O. Monterrei.

En canto a produtos as cinco adegas contan cun total de 15 caldos amparados por Galicia Calidade. Este feito fai que o apoio da marca de garantía ao sector vitivinícola sexa firme e decidido. Neste sentido, recentemente a marca de garantía estivo presente na feira Vinisterrae, en Ourense, que é unha das mostras máis importantes en Galicia no sector do viño e no que contou coa presenza das catro adegas daquela presentes.

Redes sociais

Multimedia