Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE ESTARÁ PRESENTE NA SEMANA DO CONSUMIDOR
10/03/2010.

GALICIA CALIDADE ESTARÁ PRESENTE NA SEMANA DO CONSUMIDOR

O evento, promovido polo Instituto Galego de Consumo, terá lugar entre o 12 e o 18 de marzo no recinto feiral de Vigo

Galicia Calidade participará dende o 12 ao 18 de marzo na Semana do Consumidor, un evento promovido polo Instituto Galego de Consumo e que terá lugar no IFEVI, Recinto Feiral de Vigo. Trátase dunha actividade formativa e divulgativa de educación para o consumo consistente na realización de distintos obradoiros de consumo responsábel nun espazo que simula unha rúa. Hai que destacar ademais que esta acción coincide coa celebración o vindeiro día 15 de marzo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras.

Galicia Calidade pretende con esta acción promocional dar a coñecer a marca de garantía do goberno galego así como os produtos que ten amparados a día de hoxe, que destacan con respecto á competencia pola súa calidade e orixe galega. Tan importante como facer un consumo responsábel dos recursos que temos ao noso dispor e, sobre todo, de poder educar nestes valores aos máis pequenos está tamén o saber elixir e distinguir cales son os mellores produtos, de onde proceden, de que están feitos e con que materias primas. Neste eido, Galicia Calidade etiqueta os produtos que ten amparados dun xeito claro, de forma que o consumidor saiba en todo momento que está a consumir un produto cunha calidade preferente e que está producido en Galicia. É de recoñecido prestixio a calidade que posúen os produtos galegos, sobre todo nos sectores de agroalimentación e pesca, polo que o traballo de Galicia Calidade pasa por certificar, amparada pola Xunta de Galicia, que estes produtos cumpren cos requisitos esixidos e garantir así ao consumidor a confianza nos produtos que merca.

Esta feira preséntase, pois, como un lugar idóneo para realizar esta actividade formativa e informativa. Centos de nenos pasarán nestes días polo stand de Galicia Calidade e poderán coñecer de primeira man aqueles produtos que consumen a diario e que contan con este distintivo de calidade ou aqueles outros que non coñecen pero que se poden converter en obxecto do seu consumo.

Deste xeito, Galicia Calidade achégase a un dos polos aos que se dirixe a súa actividade de promoción: o consumidor. Porque ademais de facer actividade de promoción entre as distintas empresas para poder amparar novos produtos está tamén a actividade de promoción do selo de garantía nos fogares galegos e do resto do mundo.

Redes sociais

Multimedia