Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE ESTARÁ PRESENTE NO SALÓN DE GASTRONOMÍA E TURISMO XANTAR
09/02/2010.

GALICIA CALIDADE ESTARÁ PRESENTE NO SALÓN DE GASTRONOMÍA E TURISMO XANTAR

O evento, que cumpre a súa undécima edición con adicación especial ao Xacobeo 2010, terá lugar entre o 3 e o 7 de marzo no recinto feiral de Expourense

Un ano máis o recinto feiral de Expourense acolle a edición do máis importante salón de gastronomía e turismo de Galicia, Xantar. Nesta edición o evento contará unha vez máis co apoio de Galicia Calidade que será un dos patrocinadores do mesmo. Hai que reseñar que para a marca de garantía toda actividade relacionada co sector agroalimentario ten un destacado interese, debido a que boa parte dos productos adheridos pertencen ao mesmo. Xantar cumpre este ano once anos e terá lugar entre o tres e o sete de marzo, cun programa cargado de actividades. Ademais, terá un papel protagonista o Xacobeo 2010 tal como se recolle no programa do evento.

Galicia Calidade traballa día a día para dar a coñecer a súa marca de garantía así como os produtos que ten amparados polo que calquera actividade de promoción é importante. No caso de Xantar a xustificación demóstrase nos milleiros de visitantes que acada en cada edición e na promoción lograda tanto entre os galegos como no resto de España.

En 8.000 metros cadrados cubertos, recréanse unha vintena de restaurantes con todo luxo de detalles e servizos. O obxectivo é dobre: exaltar as materias primas coas que preparan os seus menús e fomentar a calidade e a prestación do servizo. Cociñas e salas de comedor ofrecen unha espectacular imaxe grazas á coidada decoración e elaboración dos pratos.

Ademais da promoción da gastronomía, Xantar é tamén o punto de encontro dos recursos turísticos das rexións participantes no salón. Sen saír do recinto feiral, o visitante pode coñecer os atractivos naturais, arquitectónicos, históricos e, por suposto, gastronómicos, dos distintos puntos xeográficos promovidos por organismos públicos (concellos, deputacións, padroados de turismo, etc.) que acoden a esta cita procedentes de toda España e Portugal.

Tanto para profesionais coma para público xeral organízanse actividades como conferencias, presentacións literarias, exposicións de arte, obradoiros didácticos sobre a elaboración de licores, queixos e outros productos, cursos de cata e degustacións gratuítas, entre outras moitas.

O atractivo que ten Xantar para o público xeral queda fóra de toda dúbida á vista dos resultados das enquisas realizadas: os menús acadaron un índice de satisfacción superior ó 80% e máis do 95% dos visitantes teñen intención de repetir. Ademais é unha cita para o goce do propio sector, xa que das persoas que visitaron Xantar, un 35% foron profesionais.
O principal obxectivo de Xantar é defender e promover a calidade da gastronomía e situala como un dos reclamos turísticos máis importantes. Por iso, tamén teñen o seu espazo neste salón aquelas comunidades e rexións que queiran promocionar a súa gastronomía como motivación decisiva á hora de atraer ao turista a visitalas.
Por este motivo Xantar conta cada ano coa presenza de diferentes rexións convidadas, entre as que xa participaron, varias rexións de Portugal, A Macaronesia (Canarias, Azores e Madeira), Estremadura, Asturias, Cantabria, e Andalucía.

Redes sociais

Multimedia