Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE ESTIVO PRESENTE NA I XORNADA DE PRODUTORES DE GALICIA NORTE DE PORTUGAL
01/03/2012.

GALICIA CALIDADE ESTIVO PRESENTE NA I XORNADA DE PRODUTORES DE GALICIA NORTE DE PORTUGAL

No encontro participaron un total de 27 persoas nas que se incluén tanto produtores como entidades, galegas e portuguesas

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, participou esta semana na I Xornada de Produtores de Galicia e Norte de Portugal que se celebrou na vila ourensá do Barco de Valdeorras. O evento, ao que asistiu o xerente da Sociedade Pública, Carlos Vila, contou coa participación dun total de 27 persoas representando tanto a produtores como a entidades galegas e portuguesas.

O obxectivo que se perseguiu foi facilitar información sobre o Proxecto Eixo Interior e a actividade do centro, promover a participación dos produtores no proxecto e dar un paso máis na promoción destes produtos. Os produtores tamén tiveron un espazo para mostrar os seus produtos e expoñer a súa actividade, asi como para realizar visitas de coñecemento da zona e degustar os produtos gastronómicos típicos do Barco.

Máis concretamente, en relación coa sesión de traballo celebrada tratáronse fundamentalmente os seguintes temas:

- Presentación da marca de promoción dos produtos creada en colaboración con Galicia Calidade: ‘Excelencia. Produtos de Galicia e Norte de Portugal’.

- Reglamento e proceso de adhesión a marca

- Organización da ‘Semana da Gastronomía de Excelencia, O Barco 2012’ e que contempla as seguintes actividades: I Salón Gastronómico de Produtos Tradicionais de Excelencia da Eurorrexión, Galicia e Norte de Portugal – O Barco 2012’; segunda fam trip, dirixida a críticos e prensa especializada; obradoiro de ‘Maridaxe e degustación dos produtos de excelencia’.

- Xeración de espazos promocionais e de venda dos produtos: apertura dun punto de venda principal dos produtos de Excelencia no Barco de Valdeorras; creación dunha rede de distribución e venda dos produtos en Galicia e Norte de Portugal; apertura do primeiro punto de exposición dos produtos tradicionais de Galicia e Norte de Portugal adheridos a marca (novo CPT, previsto para abril).

Un selo de garantía

Galicia Calidade participará directamente na selección e aprobación dos produtos que conten co distintivo, aportando a súa experiencia nos vinte anos de existencia e nos 135 produtos amparados na actualidade. O distintivo creado poderá ser empregado polos produtos que obteñan o certificado de uso nas súas embalaxes e promocións publicitarias como garante dunhas características comúns aos mesmos.

Segundo indicaron os representantes do Eixo Interior, o distintivo servirá para aportar un valor engadido aos produtos amparados, achegando ao consumidor a confianza de estar consumindo un produto avalado por unha entidade pública despois de pasar controis e auditorías como mostra da súa calidade.

O feito de certificar produtos artesanais reforza o concepto de Excelencia dotando aos produtos de argumentos reais e obxectivos para que o consumidor os elixa cando realiza a compra nalgún establecemento comercial. 

Redes sociais

Multimedia