Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE ESTIVO PRESENTE NO SALÓN INTERNACIONAL DE GASTRONOMÍA, TURISMO E ARTESANÍA EXPOGALAECIA
02/11/2011.

GALICIA CALIDADE ESTIVO PRESENTE NO SALÓN INTERNACIONAL DE GASTRONOMÍA, TURISMO E ARTESANÍA EXPOGALAECIA

No evento concentráronse máis de 60 expositores de seis países, representando a máis de 150 marcas

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, participou desde o 29 de outubro e até o 1 de novembro no Salón Internacional de Gastronomía, Turismo e Artesanía, Expogalaecia que tivo lugar no recinto feiral de Vigo, IFEVI, e que congregou a máis de 60 expositores de seis países, representando a máis de 150 marcas.

Ao longo dos catro días, miles de persoas achegáronse ao evento para coñecer de primeira man en sectores tan imporantes como o turismo, a gastronomía ou a artesanía. Neste sentido, Galicia Calidade presentou aos interesados a marca de garantía así como os produtos e empresas amparados polo selo autonómico. Cun stand de máis de 30 metros cadrados, a marca de garantía promocionou unha vez máis a razón de ser da súa actividade ante os consumidores galegos, pero tamén cos do resto de España e Portugal.

Este ano, o 35% dos expositores procedían do estranxeiro (Cuba, Venezuela, Portugal, Arxentina e Uruguai, entre outros), sendo a portuguesa a presenza máis destacada desta edición do evento ao acaparar o 25% das casetas internacionais. Os 65% restantes son españois (Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e Madrid, entre outros), aínda que Galicia supera o 35% dos mesmos.

En canto aos sectores representados, é necesario destacar que se dividen en tres grandes ámbitos: o do turismo, a gastronomía e a artesanía. Desta forma, dentro do turismo, ademais dos organismos institucionais, están incluídas as axencias de viaxes, as empresas de aloxamento, almacenistas, grupos de xestión turística, centrais de reservas, compañías de turismo rural, complexos turísticos, turismo activo e deportivo, turismo cultural, enológico e gastronómico, empresas de servizos, organismos oficiais nacionais e internacionais, asociacións profesionais, entre outros.

Por outra banda, a gastronomía cobra unha gran relevancia, especialmente nos expositores institucionais, que darán mostras ao público asistente dos produtos máis típicos das súas zonas -como é o caso de Asturias ou Portugal. Así, estarán presentes na décimo cuarta edición de Expogalaecia fabricantes, produtores, elaboradores do sector da alimentación e bebidas de calidade e produtos de Denominación de Orixe, entre outros.

Con estes datos, a presenza de Galicia Calidade como abanderada da calidade galega na gastronomía, na artesanía e tamén no turismo faise indispensable.

Redes sociais

Multimedia